Imprimir PDF

Distintas fórmulas cara ao éxito: Dani Armendáriz: socio fundador do Grupo Ikusnet. Nacho Correas: creador de eBox, unha plataforma que permite xestionar todos os servizos de rede corporativos dunha forma sinxela, intuitiva e rápida.

Dani Armendáriz abordou a relación entre o software libre e os modelos de negocio de éxito. Pero, que é o éxito nunha empresa de software libre? A xente, por norma xeral, fala de rendibilidade económica nun proxecto de emprendemento pero son tan importantes ou máis o amor co se realice o traballo e a saúde do propio equipo de traballo.

Segundo o experto, o elemento fundamental para ter éxito é a persoa: o emprendedor. Hoxe fálase da Sociedade do Coñecemento como seo das innovacións e do progreso, pero o coñecemento vén dado polas persoas que se intercambian coñecementos nun contexto de sociedade organizada en rede.

Pero, que ten que ver o software libre coas persoas, protagonistas do proceso xerador de coñecemento? A resposta está nas propias persoas, que dedican o seu tempo libre a desenvolver aplicacións de software para ter maior afinidade cun determinado grupo, para intercambiar coñecemento cos membros desas comunidades ou, simplemente, por iniciativa propia.

Así, todos somos persoas que desenvolvemos a nosa actividade en Internet, unha comunidade que nos permitiu agruparnos e demostrar que co software libre tamén se pode gañar diñeiro, ter saúde persoal no traballo e chegar a cumprir obxectivos empresarias propostos.

Os individuos que participan desta filosofía de vida fano para crear unha realidade onde desenvolver os proxectos que idean e demostran, unha vez tras outra, que existen múltiples modelos de empresas que traballan co software libre e que son rendibles. Co coñecemento libre pódese facer negocio e pódese gañar diñeiro, sempre nun contexto marcado polo seu libre fluxo.


Nacho Correas sinalou que unha das grandes preocupacións dos empresarios emprendedores é a busca de financiamento para os seus proxectos. Correas viviu, dende o seu papel de socio fundador de Warp Networks e creador da plataforma eBox -ferramenta de software libre baseada no sistema operativo GNU/Linux pensada para manexar servizos nunha rede interna de ordenadores-, as múltiples peripecias que pasan os empresarios que queren poñer en marcha os seus propios proxectos.


A experiencia dinos que é importante facerse notar, tanto no contexto empresarial no que se inicie o proxecto como a escala mediática, co fin de que os organismos que conceden os créditos aos emprendedores teñan referencias do traballo propio e aumenten a súa confianza á hora de prestar capital. Pero, se algo lle ten ensinado a vida a Nacho Correas dende o punto de vista empresarial é que:

É posible lanzar unha empresa exitosa e de alto crecemento sen capital inicial. A cambio esíxese moito esforzo, moitas horas de dedicación e que o proxecto se poida desenvolver sen moito gasto.

Financiar un proxecto con horas de traballo -cómpre ter en conta que o tempo persoal tamén ten valor empresarial- é duro e pon a proba a cohesión entre os socios da empresa.

Financiarse por medio da venda de servizos ten o grave risco de “morrer de éxito” se non se axusta a dinámica de crecemento á facturación e aos pagos. O ingreso de facturas por servizos prestados e os pagos a provedores non poden ter un ritmo menor que os pedidos e, polo tanto, limitar a evolución empresarial.

Os proxectos de cooperación poden funcionar se se teñen obxectivos comúns, total confianza mutua e condicións ben definidas de traballo. Se falla algún destes ingredientes, a cooperación empresarial fracasará.

Os premios empresariais axudan a conseguir visibilidade e credibilidade no sector no que se traballa, ao tempo que serven para captar clientes. É importante ter a oportunidade de competir nalgún certame empresarial.

As axudas públicas ao lanzamento de empresas de innovación poden financiar proxectos ambiciosos. Os prazos -que non se adaptan á dinámica establecida polo ritmo empresarial- destas axudas esixen outras fontes de financiamento complementarias (a través de achegas persoais, entidades de crédito ou outras fórmulas).

A busca de investidores externos esixe moita dedicación de tempo e esforzo. É necesario estar seguro de optar por este tipo de financiamento antes de comezar a traballar nesta liña.

A entrada de investidores externos implica a decisión de vender a empresa. Xa non se tratará dun proxecto persoal, senón compartido.

Un investidor avalía dous aspectos: a calidade do proxecto e da empresa, por un lado, e o equipo de traballo polo outro; polo que é necesario traballar para dar credibilidade empresarial a estes elementos se se están a buscar investidores externos.


Para conseguir capital externo, de empresas de capital risco, por exemplo, é necesario poñer sobre a mesa de negociación argumentos convincentes. Estas empresas están integradas por financeiros, non por tecnólogos, e necesitan ver datos concretos, de mercado e de vendas. Ademais, cómpre contar con algún tipo de recomendación dentro da súa rede de contactos para axudar a tomar a decisión de investir.

Sen dúbida, conseguir un financiamento idóneo para a empresa require dun coñecemento en profundidade da mesma e saber adaptar as fontes de recursos e capital a cada fase do proxecto empresarial. Así, nun determinado momento pode ser mellor buscar créditos en entidades bancarias que tomar a decisión de acudir a empresas de capital risco. É o emprendedor o que ten que valorar en cada momento o que máis conveña á súa empresa.