Recoñecidos expertos abordarán as oportunidades de negocio e a innovación en tempos de crise no IV Día do Emprendedor
RECOÑECIDOS EXPERTOS ABORDARÁN AS OPORTUNIDADES DE NEGOCIO E A INNOVACIÓN EN TEMPOS DE CRISE NO IV DÍA DO EMPRENDEDOR
- O director da Escola de Negocios Caixanova, Eduardo García Erquiaga, e o investigador e líder de opinión Enrique Dans figuran entre os relatores que participarán no encontro
- As persoas interesadas en asistir á xornada, prevista para o vindeiro 19 de maio en Compostela, xa poden inscribirse na web www.diaemprendedor.com
Santiago de Compostela, 25 de abril de 2009.- O director da Escola de Negocios Caixanova, Eduardo García Erquiaga, e o investigador e líder de opinión en Sistemas e Tecnoloxías da Información, Enrique Dans, compartirán os seus coñecementos e experiencias coas persoas inscritas no IV Día do Emprendedor. O encontro, promovido polo Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e BIC Galicia en colaboración co Ministerio de Industria, Turismo y Comercio, desenvolverase o vindeiro 19 de maio no Palacio de Congresos e Exposicións de Santiago. Nesta cuarta edición, o obxectivo da iniciativa é potenciar a cooperación entre emprendedores, institucións e empresas como chave para a creación e consolidación de proxectos de negocio nas actuais circunstancias de crise.
Precisamente García Erquiaga abordará a temática Emprender en tempos de crise. O director da Escola de Negocios Caixanova analizará como lle afecta a actual situación adversa á creación de empresas e os factores de éxito e fracaso que inflúen no curto prazo. Erquiaga é doutor en Administración de Empresas pola Universidade de Navarra, MBA pola Escola de Negocios Caixavigo e Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola Universidade de Santiago de Compostela. Ademais, é membro da Asociación Europea de Dirección e Economía da Empresa e autor de diversos libros sobre Dirección Estratéxica, entre os que cómpre destacar Organizar para crear valor: ideas e técnicas para organizar con eficacia.
INNOVACIÓN
Pola súa banda, Enrique Dans abrirá os relatorios sobre innovación afondando nas vantaxes que lles ofrecen as novas tecnoloxías aos innovadores e ás empresas. Dans é profesor de Sistemas de Información no IE Business School e doutor en Management, na especialidade en Information Systems pola Universidade de California; MBA polo Instituto de Empresa, CPCL por Harvard Business School e Licenciado en Ciencias Biolóxicas pola Universidade de Santiago de Compostela. Elixido por cuarto ano consecutivo como unha das 25 persoas máis influíntes do sector Internet en España na lista elaborada polo Diario El Mundo, é tamén autor de diversos estudos sobre comercio electrónico e colaborador habitual en numerosos xornais e revistas en temas relacionados coa Internet e as novas tecnoloxías.
As persoas interesadas en asistir ao IV Día do Emprendedor poden inscribirse xa na web www.diaemprendedor.com, onde tamén atoparán información sobre os contidos e actividades previstos e sobre os expertos que os impartirán. Entre estes, destacan a colaboradora do think tank Infonomía, Antonia Broglia, quen analizará onde están as oportunidades de negocio; o fundador de Opinno, rede internacional de innovación aberta que connecta emprendedores, tecnólogos e inversores, Pedro Moneo, coa internvención Desde un proxecto ata Silicon Valley, e Teresa Mariño, da Escola de Negocios Caixanova, quen falará sobre os aspectos que inflúen á hora de conseguir financiamento.