O Día do Emprendedor ofrecerá asesoramento personalizado e gratuíto a empresarios e emprendedores para deseñar a folla de ruta dos seus negocios e salvar a crise
O DÍA DO EMPRENDEDOR OFRECERÁ ASESORAMENTO PERSONALIZADO E GRATUÍTO A EMPRESARIOS E EMPRENDEDORES PARA DESEÑAR A FOLLA DE RUTA DOS SEUS NEGOCIOS E SALVAR A CRISE
As persoas interesadas en recibir orientación de técnicos e expertos poden solicitalo xa mediante inscrición na xornada, prevista para o vindeiro 19 de maio en Compostela, a través da web www.diaemprendedor.co
Santiago de Compostela, 30 de abril de 2009.- Un amplo grupo de expertos e técnicos achegados polas entidades organizadoras e colaboradoras asesorarán individualmente, de xeito gratuíto e no marco do IV Día do Emprendedor, a aqueles emprendedores e empresarios que o soliciten. Promovido e organizado polo Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e BIC Galicia en colaboración co Ministerio de Industria, Turismo y Comercio, o IV Día do Emprendedor desenvolverase o próximo 19 de maio no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia, en Santiago de Compostela. Nesta edición, o obxectivo da iniciativa é potenciar a cooperación entre emprendedores, institucións e empresas como punto de partida para a creación e consolidación de proxectos de negocio nas actuais circunstancias de crise económica.
Os asistentes que desexen asesoramento individualizado poderán expoñer as súas dúbidas aos expertos e técnicos en diferentes temáticas relacionadas coa creación e consolidación de empresas nunha entrevista persoal e gratuíta que se desenvolverá durante un espazo de tempo previamente fixado en axenda, duns 15 minutos. A organización da xornada fixou xa catro liñas de asesoramento: creación de empresas e autoemprego; innovación e novas tecnoloxías; financiamento e, así mesmo, internacionalización.
Cómo posicionar axeitadamente unha web en Internet, a qué liña de financiamento pode acceder un proxecto ou que ferramentas ou servizos existen para impulsar proxectos de internacionalización empresarial son algunhas das incógnitas que poderán despexar os inscritos nestas roldas de aseoramento, da man dos expertos facilitados polos organizadores ou por algunha das entidades do mundo empresarial ou do emprendemento que colaboran no IV Día do Emprendedor. Entre as entidades colaboradoras figuran as Cámaras de Comercio, asociacións galegas de xóvenes empresarios ou de profesionais autónomos, entidades financieras ou a asociación Seniors Españoles para la Cooperación Técnica (Secot), entre outras.
A través da web www.diaemprendedor.com, as persoas interesadas no asesoramento poden apuntarse xa nunha desas catro liñas sinaladas e reservar, con tempo, unha cita co experto. É imprescindible inscribirse antes na xornada na mesma páxina web. No momento da inscrición, ao solicitante quedaralle asignada unha hora para o encontro co experto, que se desenvolverá nun espazo reservado para tal efecto no propio Palacio de Congresos e Exposicións.
RELATORES DE RECOÑECIDO PRESTIXIO
Entre os conferenciantes expertos que impartirán os seus relatorios, destacan a colaboradora do think tank Infonomía, Antonia Broglia, quen analizará onde están as oportunidades de negocio; Pedro Moneo, fundador de Opinno, rede internacional de innovación aberta que conecta emprendedores, tecnólogos e inversores; Javier Carral Martínez, Director Corporativo de Inversiones de CXG Corporación Caixa Galicia, que presentará un relatorio sobre financiamento de iniciativas e empresas innovadoras; Eduardo García Erquiaga, director xeral da Escola de Negocios Caixanova, quen falará sobre o emprendemento en tempos de crise; e o investigador e líder de opinión en sistemas e tecnoloxías da información Enrique Dans, quen afondará nas vantaxes que lles ofrecen as novas tecnoloxías aos emprendedores e ás empresas.
Aquelas persoas que desexen asistir ao IV Día do Emprendedor atoparán na web www.diaemprendedor.com máis información sobre os contidos e actividades previstos, e os expertos convocados.