O EXITOSO EMPRENDEDOR E GURÚ DE INTERNET CARLOS BARRABÉS PARTICIPARÁ NO IV DÍA DO EMPRENDEDOR DE GALICIA

  • O creador de barrabés.com, unha das empresas líderes en temas de montaña en internet, con vendas a corenta países, será o protagonista da plenaria do encontro
  • Os asistentes ao encontro, que se desenvolverá o 19 de maio en Santiago, poderán acceder a asesoramento gratuito e personalizado

Santiago de Compostela, 8 de maio de 2009.- O exitoso emprendedor e gurú de Internet e do comercio electrónico Carlos Barrabés participará no IV Día do Emprendedor, que está a ser promovido polo Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e BIC Galicia, en colaboración co Ministerio de Industria, Turismo y Comercio. O creador do portal barrabés.com, líder absoluto en temas de montaña en Internet en lingua castelá, analizará as posibilidades de negocio que ofrecen as novas tecnoloxías na plenaria do encontro, previsto para o vindeiro 19 de maio en Santiago de Compostela.

O interese deste pioneiro do comercio electrónico por permanecer na pequena vila pirenaica de Benasque, en Huesca, onde dirixía a tenda especializada Barrabés Esquí Montaña, levouno a ofrecer servizos e produtos relacionados co montañismo e o esquí a través da Internet. Dedicado desde 1996 en exclusiva aos negocios a través da rede, as súas páxinas reciben dous millóns de consultas mensuais e unha media de sete mil visitas diarias. Barrabés.com vende on line a máis de corenta países e equipa moitas expedicións de grande envergadura que se realizan cada ano.

Na actualidade Carlos Barrabés dirixe Barrabés Internet SL e tamén é promotor de Walqa, Centro de Excelencia en Internet, situado en Huesca e que conta con importantes socios tecnolóxicos, como Microsoft, Cisco Systems, Intel ou HP, entre outros.

 

INNOVACIÓN EN GALICIA

A innovación tecnolóxica vai ser un dos eixes centrais do IV Día do Emprendedor, no que tamén se darán a coñecer iniciativas empresariais de carácter innovador con selo galego. Así, na mesa redonda As empresas de base tecnolóxica, moderada polo xerente de Uninova, Gustavo Marcos, daranse a coñecer as experiencias de Neoker e Bit Oceans, creadas en 2003 e 2008, respectivamente.

Carmen Cerecedo, unha das promotoras de Neoker, abordará a temática dos novos materiais. A empresa que representa, situada no concello coruñés de Ames, é a única do mundo que produce whiskers de alúmina con morfoloxía dispersa, fibras monocristalinas de alúmina utilizadas na industria da automoción, aeronáutica e militar. Pola súa banda, o socio de Bit Oceans Alberto Malvido falará sobre as tecnoloxías da información e a comunicación. Esta compañía, con orixe na Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Telecomunicación da Universidade de Vigo e instalada nesta mesma cidade, desenvolve solucións únicas que evitan a fraude documental nas administracións públicas, entidades financeiras e organizacións profesionais.

O coloquio completarase coa intervención do representante da Consellería de Traballo, Jorge Barros, quen explicará as axudas da Xunta para a creación e consolidación das denominadas Iniciativas Empresariais de Base Tecnolóxica (IEBTs).

As persoas interesadas en asistir ao IV Día do Emprendedor poden inscribirse xa na web www.diaemprendedor.com, onde tamén atoparán información sobre os contidos e actividades previstos e sobre os expertos que os impartirán.

 

ASESORAMENTO PERSONALIZADO

Entre as principais novidades, o IV Día do Emprendedor de Galicia inclúe a posibilidade de que as empresas e emprendedores asistentes dispoñan de asesoramento personalizado e gratuito, facilitado por técnicos e expertos nas diferentes áreas de xestión empresarial. Abonda con solicitar unha cita no momento de proceder á inscrición na xornada, prevista para o vindeiro 19 de maio en Compostela, a través da web www.diaemprendedor.com