O IV DÍA DO EMPRENDEDOR DE GALICIA DARÁ AS CLAVES PARA FINANCIAR UN PROXECTO EMPRESARIAL
- Expertos de entidades financeiras e de sociedades de garantía recíproca analizarán todas as alternativas existentes para facerlle fronte á falta de capital
- Os autónomos e os empresarios novos terán tamén o seu espazo no encontro, coa participación de diversas organizacións representativas
Santiago de Compostela, 14 de maio de 2009.- O IV Día do Emprendedor de Galicia abordará as claves para obter financiamento, un dos principais obstáculos que atopan os emprendedores á hora de poñer en marcha e consolidar a súa idea de negocio. O encontro, promovido polo Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e BIC Galicia, en colaboración co Ministerio de Industria, Turismo y Comercio, reunirá o 19 de maio en Santiago expertos de entidades financeiras e de sociedades de garantía recíproca que analizarán todas as alternativas existentes para facerlle fronte á falta de capital.
Así, a profesora da área de finanzas, directora do Máster en Asesoría Financeira e Xestión de Patrimonios e do European Financial Advisor da Escola de Negocios Caixanova, Teresa Mariño, abordará cómo conseguir financiamento para un proxecto emprendedor. Na súa intervención, Mariño explicará os principais problemas de recursos financeiros aos que se enfronta unha nova iniciativa empresarial e desenvolverá as distintas alternativas para resolvelos.
VALORACIÓN DE RISCO
A continuación, a directora da Área de Financiamento do Igape, Cristina Quintela, moderará a mesa redonda na que participarán o director territorial de Caixa Galicia en Santiago, Juan Carlos Carneiro; o director de Operacións de Sogarpo, SGR, Jorge Sales; o director comercial de Afigal, Gonzalo González; e a responsable da Rede Bang da Confederación Empresarial de Ourense, María Fernández. No coloquio, estes expertos debaterán sobre a situación actual do mercado financeiro para a posta en marcha de novos proxectos empresariais e analizarán os produtos e alternativas de financiamento, así como os criterios de valoración do risco das iniciativas emprendedoras.
A liña temática sobre financiamento pecharase coa mesa redonda O capital risco: claves para convencer a un investidor financeiro, na que intervirán o director corporativo de Investimentos de Corporación Caixa Galicia, Javier Carral; o director de Investimentos dos fondos de capital risco de Xesgalicia, José Manuel Ortigueira; o xerente de investimentos en Vigo Activo SCRSA; e o director de Operacións de Uninvest SGECR e Unirisco Galicia, Martín Rivas. O obxectivo do coloquio é ofrecer unha perspectiva xeral do capital risco e os argumentos para persuadir a un potencial investidor para que entre no proxecto.
ORGANIZACIÓNS
A innovación, a internacionalización e as oportunidades de negocio son os outros espazos temáticos que marcan os contidos nesta cuarta edición do Día do Emprendedor de Galicia. Precisamente neste último participarán diversos responsables de organizacións de autónomos, como o presidente de ATA Galicia, Rafael Granados; o secretario de Upta Galicia, Lisardo Domínguez; e o presidente da Federación de Empresarios da Costa da Morte (Fecom), José Gabín. Neste mesmo marco temático participarán representantes da Federación Galega de Xoves Empresarios e das asociacións de empresarios novos de Vigo, A Coruña, Pontevedra e Ferrolterra.
SAÚDOS


