A INTERNACIONALIZACIÓN EMPRESARIAL COMO SAÍDA Á CRISE, A DEBATE NO IV DÍA DO EMPRENDEDOR DE GALICIA

  • Recoñecidas firmas galegas con clara vocación internacional, como Solar PST, de Bergondo, e as viguesas Selmark e Pescatech Vigo, participarán nos coloquios sobre a venda no mercado exterior

Santiago de Compostela, 16 de maio de 2009.- As persoas inscritas no IV Día do Emprendedor poderán coñecer as claves da venda e do financiamento internacional da man de expertos e empresarios que participarán en coloquios centrados nos novos mercados e a internacionalización. O Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e BIC Galicia, en colaboración co Ministerio de Industria, Turismo y Comercio, promoven este encontro que se desenvolverá o vindeiro 19 de maio no Palacio de Congresos e Exposicións de Santiago co obxectivo de potenciar a creación e consolidación de empresas en Galicia.

O director executivo da empresa Solar PST (Paneis Solares Termodinámicos), Pablo Fernández Llavero, participará na mesa redonda A venda e o financiamento internacional. Este negocio, situado no concello coruñés de Bergondo, foi noticia recentemente polo seu contrato para instalar paneis solares en Kenia. Xunto con Fernández Llavero exporán os seus coñecementos e experiencias o delegado do Instituto de Comercio Exterior en Galicia, Javier Tena García, e o director comercial do Departamento de División Internacional de Caixa Galicia, Luis Alberto Bleda Giraldo. Pola súa banda, o director xeral do Consello Galego de Cámaras, Juan Feijoo Casanova, moderará o coloquio.

VOCACIÓN INTERNACIONAL

As posibilidades do mercado exterior serán tamén analizadas na mesa redonda Non poñer os ovos na mesma cesta: pódese vender noutros países. Neste debate intervirán o director adxunto de Pescatech Vigo, José Luis Ruiz; e María Jesús Vázquez, do departamento de Exportacións da firma de lencería Selmark, dúas empresas que naceron cunha clara vocación internacional. Precisamente Selmark vén de recibir o premio á Excelencia en Internacionalización outorgado pola Confederación Empresarial de Ourense, pola súa decidida aposta polos mercados internacionais e a súa presenza en corenta países.

Xunto a eles estarán a responsable do Departamento de Promoción Exterior da Cámara de Comercio de Vigo, Pilar Rey; o xerente desta mesma entidade, José Manuel García; o coordinador do Servizo de Licitacións Internacionais da Confederación de Empresarios de Galicia, Javier Álvarez.

EMPRENDER EN TECNOLOXÍA

O fundador de Opinno, rede internacional de innovación aberta que connecta emprendedores, tecnólogos e investidores, Pedro Moneo completa o panel temático sobre internacionalización co relatorio Emprender en tecnoloxía: desde un proxecto ata Silicon Valley.

SAÚDOS