O Día do Emprendedor de Galicia reunirá en Santiago a máis de 2.000 persoas con vocación empresarial

  • Os asistentes ao encontro coñecerán diversas experiencias emprendedoras de éxito, a través dos seus promotores, e terán oportunidade de afondar nas claves para crear e consolidar unha idea de negocio da man de expertos en financiamento, innovación e internacionalización.

Santiago de Compostela, 18 de maio de 2009.- Máis de 2.000 persoas asistirán mañá ao IV Día do Emprendedor de Galicia, onde poderán coñecer as claves para detectar as actuais oportunidades de negocio e conseguir financiamento, así como afondar nas vantaxes empresariais das novas tecnoloxías e as posibilidades da internacionalización. O Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e BIC Galicia, en colaboración co Ministerio de Industria, Turismo y Comercio, promoven este encontro que se desenvolverá no Palacio de Congresos e Exposicións de Santiago. Esta cuarta edición da iniciativa introduce como novidade un espazo de asesoramento individualizado e gratuíto no que expertos de diversas entidades de xestión empresarial resolverán as dúbidas de ducias de emprendedores e empresarios.

As actividades previstas no IV Día do Emprendedor comezarán ás 9.45 horas nos distintos itinerarios organizados. Así, no apartado de Oportunidades de Negocio haberá, por unha banda, unha mesa redonda sobre autoemprego e asociacionismo, coa participación de representantes da Federación Galega de Xoves Empresarios, das Asociacións de Jóvenes Empresarios da Coruña, de Vigo, de Ferrolterra e de Pontevedra, e da empresa Mellora Consultants. En paralelo, neste mesmo panel temático, desenvolverase a intervención da directora do Proxecto GEM Galicia, Araceli de Lucas Sanz, quen ofrecerá unha visión do emprendedor tipo en Galicia.

Innovación e recursos financeiros

O espazo temático de Innovación arrancará co relatorio A rede como vehículo de innovación; claves para un futuro enredado, a cargo do investigador e líder de opinión en Sistemas e Tecnoloxías da Información Enrique Dans. A profesora da Escola de Negocios Caixanova Teresa Mariño abrirá o itinerario de Financiamento indicando as claves para conseguir recursos financeiros para un proxecto emprendedor. Mentres, Pedro Moneo, fundador e director xeral de Opinno, iniciará o de Internacionalización coa intervención Emprender en tecnoloxías: Desde un proxecto ata Silicon Valley.

A continuación (10.30 horas), a colaboradora do think tank Infonomía Antonella Broglia analizará onde están as oportunidades de negocio, ao tempo que, noutra sala, a responsable de Produto de Marketing de Google, Isabel Salazar, impartirá o obradoiro Oportunidades de negocio na Internet. Nos demais itinerarios desenvolveranse a esta hora mesas redondas. Así, en Innovación abordaranse as empresas de base tecnolóxica, coas experiencias de emprendedores galegos punteiros, como Carmen Cerecedo, de Neoker, e Alberto Malvido, de Bit Oceans, e as explicacións do director xeral de Investigación, Ricardo Capilla, e do subdirector de apoio á contratación e a emprendedores, Jorge Barros, sobre as liñas de apoio da Administración autonómica.

Pola súa banda, o director territorial de Caixa Galicia en Santiago, Juan Carlos Carneiro; o director de Operacións de Sogarpo SGR; o director comercial de Afigal e a responsable da Rede Bang da Confederación Empresarial de Ourense, María Fernández, afondarán nas claves para obter financiamento. Mentres, a venda e o financiamento internacional serán abordados polo director comercial do Departamento de División Internacional de Caixa Galicia, Luis Alberto Bleda; o director executivo de SOLAR PST, Pablo Fernández; e o delegado do Instituto de Comercio Exterior en Galicia, Javier Tena.

Sesión plenaria

Tras a sesión plenaria, prevista para as 11.45 horas e protagonizada polo exitoso emprendedor e gurú de internet Carlos Barrabés, os itinerarios continuarán ás 13.15 horas con diversos coloquios.

Emprender en tempos de crise centrará a derradeira mesa redonda do itinerario Oportunidades de Negocio. No debate intervirán o director xeral de Caixanova, Eduardo García Erquiaga; a presidenta de SECOT, asociación de executivos xubilados que presta asesoramento, Aurora López; e representantes das empresas Visual MS e Massantia. Neste mesmo espazo temático, noutra sala, representantes das asociación de autónomos ATA Galicia, Upta Galicia e da Federación de Empresarios da Costa da Morte, ofrecerán a visión deste colectivo.

O itinerario de Innovación pecharase co obradoiro Viveiros de empresa: unha visión realista, no que participarán os promotores das empresas Biosgal, de Ourense, Destrudat e Bit Oceans, de Vigo e Enodest e FrutoDS de Ferrol. Pola súa banda, o director de investimentos dos fondos de capital risco de Xesgalicia, José Manuel Ortigueira; o director corporativo de Investimentos de Corporación Caixa Galicia; o xerente de investimentos en Vigo Activo SCRSA, Miguel Baltar; e o director de Operacións de Uninvest SGECR, Martín Rivas, debaterán sobre o capital risco e as claves para convencer a un inversor financeiro.

Canto á internacionalización, a derradeira mesa redonda centrarase no tema Non poñer os ovos na mesma cesta: pódese vender noutros países. Neste coloquio coñeceranse as experiencias de dúas empresas con decidida vocación internacional como Selmark e Pescatech Vigo. Ademais, a responsable do departamento de Promoción Exterior da Cámara de Comercio de Vigo, Pilar Rey; o xerente desta mesma entidade, José Manuel García; e o coordinador do Servizo de Licitacions Internacionais da CEG, Javier Álvarez, afondarán na busca de novos mercados no exterior.      

SAÚDOS