Itinerario: Financiamento

Resumo: En palabras de José Manuel Ortigueira, o capital risco é unha actividade financeira consistente na toma de participacións temporais e minoritarias en empresas, en proceso de arranque ou expansión, aportando un valor en forma de apoio xerencial, coa finalidade de obter un beneficio do éxito das mesmas, en forma de plusvalías. Xesgalicia financia pois o desenvolvemento empresarial a través de participacións minoritarias e temporais nas empresas, para o que outorga a estas empresas participadas, préstamos participativos ou ordinarios a longo prazo. O capital risco para un emprendedor supón un incremento dos recursos propios, posibilitando a entrada doutros socios e o apoio á internacionalización da empresa. Permite tamén a profesionalización da xestión interna da mesma e dos órganos de xestión da sociedade.

A carteira de empresas participadas por Xesgalicia ascende a 102, cun desembolso de 74,4 millóns de euros (Fondo Invercaixa Galicia) e de 20,7 millóns de euros (Fondo Social Caixa Galicia).

Javier Carral explicou o proceso de selección empregado nos investimentos de capital risco; tralo estudo do proxecto no que investir, os inversores, e sempre que o inversor mostre un interese real, ábrese un proceso denominado de "Due Diligence" ou "Dilixencias" en virtude do cal realízase, unha detallada investigación de diferentes áreas do negocio nas que investir. Os criterios para o investimento baséanse no grado de desenvolvemento do negocio no que se inviste (situación inicial, condicionantes de expansión ou apalancamento do mesmo...), instrumentos de investimento elixidos (accións ordinarias ou preferentes, ou préstamos participativos), na concentración de capital, horizonte temporal, o grado de entendemento, e moi especialmente, nas persoas (xa que son frecuentes os casos de desistimiento en atención ao equipo directivo, que non cumpre as expectativas do inversor).

Polo tanto, manifesta que as claves para atraer a un inversor financeiro son; experiencia na xestión, barreiras de entrada, escalabilidade, capacidade de execución e especialmente, a confianza, combinando o mellor asesoramento técnico coa maior transparencia e claridade na operación.

Miguel Baltar expuxo unha visión da temática da mesa redonda enfocada ás empresas de carácter familiar, na que unha ou máis familias exercen o control accionarial da mesma, intervindo en tanto no goberno da empresa como na súa xestión. O peso deste tipo de negocios reflíctese nos datos seguintes;

  • Existen 2,5 millóns de empresas familiares, que representan o 65% do total de empresas españolas, e o 70% do PIB.
  • Xeran o 75% do emprego privado e o 59% das exportacións.
  • A súa esperanza de consolidación a longo prazo é moi inferior a outro tipo de empresas, xa que só un terzo chega á 2ª xeración.

Para a supervivencia deste tipo de empresas, Baltar estima necesario a existencia dun "Protocolo familiar", ou documento que regule os mecanismos para que os diferentes propietarios dunha empresa familiar poidan dirimir os seus conflitos dun xeito regulado (Política de investimento, reparto de dividendos, composición dos órganos de decisión, responsables da xestión, transmisión de accións e incorporación de novos membros da familia).

A aportación dunha Sociedade de capital risco a este tipo de empresas permite afrontar o futuro con maiores garantías de financiamento, así como a consecución de asesoramento e contactos aos directivos, ante múltiples sectores e negocios, e garanten que ao final do periodo de permanencia, o control da sociedade volve aos accionistas orixinais.

Por outra banda, Martín Rivas centrou a súa exposición no Capital Risco Universitario, xa que neste caso, o proceso pasa por detectar e analizar as oportunidades de negocio xurdidas na contorna académica, transformando os resultados de investigación destas empresas, en proxectos rendibles. Os proxectos seleccionados deben utilizar coñecementos e tecnoloxías desenvolvidas en Universidades e Centros de Investigación españois e portugueses, e ter equipos promotores comprometidos co proxecto empresarial. A continuación, enumerou as empresas que se acolleron a este tipo de investimento con sé social no territorio galego.

Horario:  13.15 - 14.15

Ponentes:
Descargar presentación Miguel Baltar
Descargar presentación Javier Carral Martínez