Imprimir

Emprendemento social innovador: María Calvo: directora xeral de a Ashoka España.

O emprendedor ten que buscar novas maneiras que lle permitan desenvolver os seus proxectos. Por exemplo, a procura de cambios sociais define de por si unha tipoloxía concreta, a do “emprendedor social”. As franquías poden solucionar as indecisións perante a idea inicial. É o que vén desenvolvendo a Fundación Ashoka, que serviu de axuda para poñer en marcha iniciativas como a revalorización do medio rural e as súas prácticas nun mundo globalizado.

Apoio aos comprometidos co cambio mundial. A Fundación Ashoka presta o seu apoio a emprendedores sociais en todo o mundo. Persoas que teñen as mesmas características que aqueles que buscan o seu oco no mundo dos negocios: propostas, visións, preparación e determinación. Emprendedores sociais que enfocan e tratan de enfrontar os problemas máis críticos da sociedade cun beneficio que non é económico, senón que procura o benestar de millóns de persoas que merecen un mellor trato ou unha vida máis digna.

Estas persoas queren transformar a sociedade dun xeito profundo e duradeiro. Por iso, Ashoka ten en conta que os proxectos conteñan:

•    Solucións innovadoras
•    Capacidade emprendedora
•    Busca dun cambio duradeiro e comprometido
•    Que non teñan ánimo de lucro
•    Que o seu éxito sexa o impacto social

...Exemplos de iniciativas apoiadas por Ashoka

•    Fabio Rosa (Brasil). Neste país o 90% das persoas carecen de enerxía eléctrica. O seu método converteu un 80% máis barato ese acceso á electricidade. Beneficiou ata o de agora a 800.000 persoas. Un proxecto que xa se estuda trasladar a Uruguai, Sudáfrica ou Arxentina.

•    David Green. A súa idea permitiu a miles de persoas dispor de dispositivos auditivos e lentes de contacto que se adaptan ás posibilidades económicas de cada persoa.

•    Jeroo Billimoria (India). Creou ‘Childline’, un teléfono de emerxencia atendido por nenos que xa saíron da rúa para que axuden a outros rapaces que se atopan na mesma situación. Recibiu ata o de agora 3,4 millóns de chamadas.

...Iniciativas apoiadas por Ashoka en España

•    Antonio García Allut. Este antropólogo galego tenta converter a pesca artesanal nunha actividade viable dende o punto de vista económico e reactivar a posición dos pescadores como xestores do medio mariño.

•    Tino Zapico. Tenta transformar o sistema penitenciario español. A reinserción dos presos nas cárceres nas que funciona o seu programa logrou reducir a reincidencia ata o 10%, cando a taxa nas que non o posúen ronda o 60%.

•    Raúl Contreras. Creou modelos sostibles de empresas de inserción para que no futuro sexan adoptados pola empresa tradicional e se convertan en motor dunha transformación social, a través dun sistema económico máis solidario.


A creación da Ashoka vén da man de Bill Drayton, que considerou que “non hai nada máis poderoso que unha idea innovadora nas mans dun emprendedor social”, polo que decidiu botarlles unha man no momento de levar a cabo as súas ideas. A actividade actual de Ashoka pasa dende o apoio económico no marco inicial, un soldo anual durante os tres primeiros anos e un apoio a medio e longo prazo. Inviste no principio do proxecto, cando aínda non se demostrou a súa efectividade, de cara a procurar unha rendibilidade social. Se esta iniciativa funciona nun lugar o máis probable é a súa extensión a outros países.

Ashoka confía en que todo o mundo é capaz de transformar o sistema actual. Sen embargo, leva a cabo unha intensa labor de selección dos proxectos que mellor se adecúen a ideas innovadores con emprendedores sociais que queiran xerar un impacto na sociedade.


...Jerónimo Aguado, por un mundo rural vivo

O problema da despoboación que afecta ao medio rural quixo atallarse nun pequeno pobo de Palencia chamado Amayuelas de Abajo, nunha comarca cunha densidade de 5 habitantes por quilómetro cadrado e con poucas posibilidades de futuro se non se traballa a volta ao campo. O proxecto de Jerónimo Aguado tenta revalorizar o mundo rural repoboando os núcleos abandonados cunha volta ao campo que permita cubrir as necesidades económicas, sociais e culturais.

Creouse unha plataforma de formación para os que viven nos pobos e para os que queren volver a eles coa máxima ‘A túa empresa é a túa vida’. Conseguiron converter un pobo semiabandonado, cunha familia como única ocupante ata ese momento, nun municipio ecolóxico. Este proxecto foi o resultado dun proceso con máis de 30 anos de historia que xurdiu da defensa dun mundo rural vivo a través dun movemento cultural en Castela e León, que apoiaron as distintas organizacións de agricultores. Baseouse en tres principios:

•    Crer nas potencialidades da xente e da comarca
•    Fronte ao lamento, construír alternativas
•    Converter dramas en oportunidades

As estratexias tiveron como punto de partida aprender a traballar dende novos principios nos que se ensalza a solidariedade fronte á competitividade, a sostibilidade fronte ó crecemento ilimitado, a sostibilidade e o respecto á natureza. Isto provocou unha organización dos recursos locais, a creación de iniciativas socioeconómicas e un uso máis racional das novas tecnoloxías, co fin último sempre de defender o medio rural.


As tres liñas de traballo fundamentais a usar foron:

•    Produción
•    Investigación
•    Formación

Produción

•    Agricultura e gandería ecolóxica
•    Turismo rural e restauración
•    Panadería
•    Enerxías renovables
•    Empresas de construción con terra

Investigación

•    Sobre a súa propia produción, mediante ensaios
•    Tratamento de residuos (filtro verde)
•    Recuperación de sementes de variedades locais
•    Enerxías alternativas (vivendas bioclimáticas, placas solares)
•    Construción con terra crúa

Formación

•    Universidade Rural Paulo Freire – CIFAES
•    Foros
•    Cursos
•    Feiras de sementes
•    Mobilización social


Os resultados deste proceso pasan pola volta á vida desta poboación case morta, a través doutra concepción do desenvolvemento no medio rural que non atende á agricultura intensiva, senón á de subsistencia. Esta iniciativa atrae cada vez a máis xente convencida do repoboamento destes núcleos e que fixeron xurdir servizos públicos que o despoboamento fixera desaparecer.

Destaca a construción da Universidade Rural Paulo Freire, a primeira iniciativa de universidade rural en España que ten xa a súa réplica en 16 comarcas, dúas delas en Galicia: zona do Eume e o canón do río Sil. A URPF permite diagnosticar a realidade do mundo rural de xeito permanente.
Deféndese a idea dun mundo rural que manteña vivos todos os pobos mediante o respecto á cultura local, que viva da agricultura e a gandería e respecte a xestión dos recursos naturais. Con soberanía alimentaria e diversificación económica, dotada de servizos públicos elementais, cunha ordenación integral do territorio e coa produción artesanal do saber facer das xentes de antano.

A Universidade Rural Pablo Freire está dotada de 4 cátedras:

•    Agroecoloxía en sistemas esteparios
•    Construción con terra
•    Xestión de residuos e enerxías non industriais
•    Dinamización rural en territorios marxinados


O gran orgullo de Amayuelas é, sen dúbida, esta institución, que tenta formar e axudar ós que verdadeiramente confían nun mundo rural vivo.