Mercados emerxentes: Linda Yueh: profesora de economía na Universidade de Oxford.
Linda Yueh comezou a súa exposición comentando os cambios extraordinarios que se están a producir nos últimos anos nas chamadas economías emerxentes (países como China, Brasil, India ou Rusia); transformacións que, segundo o seu criterio, só teñen parangón nas acaecidas no século XIX ou trala II Guerra Mundial. A continuación abordou as perspectivas a longo prazo destas economías.A modo de repaso xeral, falou de que países como China ou a India son inmensos, xa que xuntos albergan o 40% da poboación mundial. Por esta razón resulta tan determinante a súa apertura económica perante o comercio internacional. Ademais, son economías dominantes nas súa rexións, constituíndo o centro comercial para os países que as rodean. Ambos comparten tamén a súa situación no continente asiático e un pasado colonial.
Como conclusión xeral a esta presentación resaltou que existen contradicións severas neste modelo de transformación, salientando un dato revelador: con 1.100 millóns de habitantes, a India é a maior democracia do mundo; pero a realidade demostra que, malia o progreso económico, ten tamén unha cuarta parte dos pobres do planeta (xente que vive con menos dun dólar ó día).
...A India
Antes de 1980 a taxa de crecemento da India era moi lenta. O seu goberno centrouse no benestar da poboación, impulsando servizos básicos, como a sanidade pública, aínda que moi básica en orixe. A política económica da época centrouse en pechar as fronteiras, impulsando un modelo proteccionista que pretendía promover a industria doméstica. A autarquía foi protagonista nestes anos, algo que, segundo Yueh, explica que o crecemento fose lento, xa que non era un modelo eficiente.
Pero a partir dos anos 90 isto empezou a cambiar. A India buscou máis accesos ós mercados globais, e dentro do país mesmo se formaron lobbies para pedir a redución arancelaria. A causa da primeira guerra do Golfo, Oriente Medio viuse alterado (interrompeuse o fluxo de remesas e a débeda medrou). O país deuse conta entón do erro de pecharse ó mercado global. Nese momento foi cando decidiu abrirse, aínda que non o fixo completamente
..Brasil
A situación post II Guerra Mundial en Brasil foi semellante á da India, pero produciuse un crecemento económico malia a inflación e o goberno deu empuxe a que medrasen o emprego e os salarios. Neste momento a práctica totalidade da produción era café, pero máis tarde o país diversificou a actividade económica.
Hoxe, Brasil é o líder das economías emerxentes -o país que representa os intereses das brics economies- porque China non quixo selo e Rusia rexeitouno. Brasil lidera o G-20, o grupo de países en vías de desenvolvemento que mesmo gañou algún contencioso contra a Unión Europea. Deste xeito, tense convertido en espello no que moitos países de América Latina e África se miran, amosándolles a estes o camiño cara á apertura.
Á diferenza da India, Brasil alcanzou un certo nivel de industrialización, pero as crises do petróleo desestabilizaron o modelo de crecemento e o país desmoronouse a finais dos anos 70 (principios dos 80), xa que tivo unha crise monetaria tremenda e a inflación chegou a ser de tres díxitos. Foi nese momento cando empezou a abrirse, beneficiándose deste xeito da industrialización da India e da China, feito que favoreceu as súas exportacións.
...Rusia
A diferenza da China, Rusia tivo un modelo de transición moi rápido, nun período de reformas postcomunistas. Cando empezou, nos anos 90, o paro era enorme e pasaron momentos moi difíciles. Ademais, foi vítima das sacudidas financeiras acaecidas despois do ano 98. Antes deste ano, a actitude de Rusia era a de “deixar pasar”, pero a terapia de choque que aplicou non constituíu ningún éxito. A consecuencia foi que o desemprego a longo prazo aumentou e a inestabilidade económica obrigou a Rusia a cambiar a súa actitude para adaptarse ó mercado.
Aínda así, un sector agrícola en declive, a corrupción, e o poder das oligarquías (que bloquean o crecemento do sector privado) provocan que Rusia sexa a única grande economía que non está na OMC (Organización Mundial do Comercio) porque non cumpre cos estándares.
...China
Polo que respecta á China, Yueh salientou que o seu crecemento é de máis do 9% anual, o que na actualidade converte a este país na cuarta economía do planeta, situándose como o segundo maior exportador e importador do mundo. Ademais, remarcou que tamén é o máis poboado, sinalando que o seu crecemento axudou a que máis de 400 millóns de persoas saíran da pobreza.
En 1988 o goberno chino levou a cabo reformas no sector agrícola, e a partir de aí abordou as reformas no sector industrial. Non obstante, a decisión de abrir as fronteiras non chegaría ata dez anos máis tarde. A principal causa do seu crecemento está no consumo -o principal motor da economía- pero tamén no control do gasto público (a débeda pública en China é baixísima).
Por outro lado, o país ten unha taxa de investimento estranxeiro extremadamente alta (máis de 60.000 millóns de dólares anuais). China é un país que exporta moitísimo pero tamén importa en cantidades inxentes. De feito, o 80% dos produtos importados son rematados de fabricar no país e logo reexpórtanse.
A principal ameaza que afronta China neste momento é a de saber se o seu modelo de crecemento é sostible: o sector público aínda acapara demasiado control sobre a economía e iso dálle unha inestabilidade potencial perante os investidores estranxeiros. Por outro lado, segue a existir tensión a causa do desemprego, ademais de certa inseguridade con respecto á propiedade privada. Esta inestabilidade debe corrixirse a prol do progreso do país, que dependerá en boa medida da reacción do resto do mundo ante a súa industrialización.
Ademais, existe unha aprehensión das nacións occidentais ante as condicións laborais dos traballadores (baixos salarios, escasos dereitos...) e certa polémica sobre á dubidosa política china respecto ós dereitos humanos (como sucede no caso do Tíbet). Todos estes receos, engadidos á sospeita de competencia desleal, deben facer reflexionar a China, xa que se as nacións occidentais lle pechan as súas fronteiras o país vivirá unha situación complicada.
...Ameazas
Todas estas economías son máis volátiles cás dos países desenvolvidos. Por esta razón teñen que corrixir unha serie de problemas estruturais para garantir que son modelos sostibles. É dicir, teñen que superar o legado da súa transición (India segue a ser un país moi agrícola, e o modelo de Brasil aínda é bastante ineficiente). Son países cunha marcada inestabilidade macroeconómica, polo que deben tomar medidas para evitar un efecto en cadea, xa que poden provocar reaccións volátiles sobre outras economías.
Ademais, os problemas sociais que padecen (tanto lexislativos coma políticos, ou mesmo outros como a indefinición con respecto á propiedade privada) causan inseguridade nos investidores estranxeiros. Por outro lado, as taxas de inflación son aínda altísimas, debido ó rápido crecemento da economía.
Para a economía mundial, a boa noticia con respecto a estes mercados emerxentes é que os seus altibaixos non coinciden cos ciclos dos países desenvolvidos porque non están completamente integrados co resto das economías. De feito, o mundo enteiro non entrou en recesión a finais de 2001 porque China estaba a medrar con moita rapidez nese período, e isto foi o que levantou a economía mundial.
...Oportunidades
En termos de comercio internacional, o crecemento das economías emerxentes provoca un momento próspero, xa que estas son as que medran máis rápido interiormente. Entre China e a India poderían aportar ó mercado internacional en torno ós 800 millóns de consumidores de clase media (máis do dobre que EEUU).
Un atractivo adicional para os investidores é que son países en vías de desenvolvemento, non teñen todos os bens que temos nós (dous coches, cinco televisores...). Estes mercados non substituirán ós mercados maduros, senón que os van complementar. Ademais, aportarán máis consumidores ó mercado internacional. Medran máis rápido que os países xa desenvolvidos, pero teñen baixos niveis de consumo porque aínda son pobres e non van consumir tanto.
Son mercados que precisan investimento estranxeiro para poder medrar. De todos os xeitos, e contra do que se podería pensar, son os países en vías de desenvolvemento os que exportan ós ricos e non ó revés.
Os mercados emerxentes estiveron controlando a inflación, xa que a perda de liquidez en EEUU coa crise das hipotecas lixo provocou a crise crediticia actual, que é máis preocupante que noutras ocasións (o déficit comercial en EEUU representa o 1,5% do mundo, mentres que o excedente das economías emerxentes é da mesma cifra).
...Conclusión
A globalización está a afectar á economía, de tal xeito que neste momento existe no mercado unha situación bipolar, unha tolemia para os bancos: ralentización + inflación. O crecemento desproporcionado pode provocar unha crise.
As economías emerxentes teñen toda a posibilidade de alcanzar o éxito. Están suxeitas á volatilidade e ó risco pero poden converterse en mercados alternativos por todo o mundo. De todos os xeitos, existe a posibilidade de que haxa unha burgulla e, chegado o caso, estes mercados non estarían preparados para afrontar un tropezón económico: se houbera unha ralentización, sería un desastre. Por iso, segundo Linda Yueh, é preciso recoñecer o seu impacto, xa que deste xeito poderemos afrontalo con maior previsión e éxito.


