Imprimir

Como innovan os mellores: Alfons Cornellá: presidente da rede de innovadores Infonomia.com.

Alfons Cornellá comeza a súa intervención “electrónica” -un vídeo no que el mesmo fala, intercalando imaxes explicativas de xeito esquemático- cunha pregunta a modo de titular non só da súa rolda de palabra, senón de moitas das conferencias que se sucederon ao longo da xornada: que é innovar? Para el, a innovación é un tema fundamentar na actualidade, chegando mesmo a cambiar a forma de xestionar o PIB, conclusión á que se chega despois de máis de seis anos de investigación arredor de como innovan as mellores empresas do ranking mundial. Hai un esquema sobre a innovación que é básico:

ideas, valores e rendibilidade


A innovación parte dunha idea que se debe converter nun valor e que ao final do proceso debe xerar resultados sostibles. Tamén no caso do sector público ou social se debe xerar unha rendibilidade, que neste caso se mide en termos de impacto na sociedade. Este valor vén dado tamén polo sector no que nos estamos a mover. Unha idea pode, e de feito consegue moitas veces, ser o motor de impulso para cambiar unha empresa.

Para Alfons Cornellá é importante destacar que as ideas, pese a parecer habitualmente o máis complexo de conseguir, é o máis sinxelo, sempre que  se confíe na creatividade. Dar ideas é tamén sinxelo se che dan a confianza suficiente para pensalas. Por suposto, ter un modelo a seguir é importante. Por exemplo, non é un bo xeito para xerar ideas a pregunta: que opinas sobre…? As xeneralidades son vagas.


Un punto fundamental á hora de innovar é a detección de problemas, e polo tanto, non se trata tanto de preguntar como de observar o día a día, avaliar os problemas que xorden, e a partir de aí atopar as solucións oportunas.

Un exemplo práctico disto é unha idea nacida do problema creado nos aeroportos ao teren os pasaxeiros que descalzarse para pasar os controis de seguridade. A este inconveniente déuselle solución co chamado airport friendly -zapatos amigos dos aeroportos-, é dicir, zapatos sen pezas metálicas que activen as alarmas de control. Deste xeito, un produto que de feito xa estaba no mercado, grazas só a unha nomenclatura específica responde a unha necesidade a escala mundial.


En canto ao sector da pedra, Alfons Cornellá opina que o xeito de innovar é poñerse no lugar da demanda e ver dende este punto de vista que problemas existen e atoparlles solucións. Esta dinámica debe converterse en sistemática. Hai unha forte necesidade de falar cos clientes, escoitalos, pero… con que clientes? Esta decisión resulta de grande importancia, xa que, dependendo de a que clientes investigues, atoparás uns ou outros problemas e, polo tanto, darás determinadas solucións baseadas nesta información.

A antropoloxía e a etnoloxía poderían ser un modelo de imitación, xa que estes estudos se centran na observación de como vive a xente, como cambia e que problemas van xurdindo. Un exemplo de aproveitamento de estudos sociais para o mercado de consumo sería a nova gama de produtos nutritivos para xente maior de Nestlé. Trátase dunha idea brillante: atopar un novo nicho de mercado que nace dun forte cambio social, o crecemento cuantitativo dos maiores nas nosas sociedades. A partir da súa xa tradicional liña de comida para bebés, esta transfórmase, mestúrase coas investigacións sociais que apuntan ao crecemento dun determinado espectro de idade. Algo semellante está a pasar co cambio de vida da xuventude, que xera novos problemas aos que cómpre dar solución.

Un consello que dá Alfons Cornellá é o de descubrir oportunidades de utilización da tecnoloxía, en canto a novos usos de materiais, por exemplo no caso da cerámica, utilizándoa para a creación de interruptores. A pregunta que debemos facernos neste caso é: que tecnoloxía podo utilizar para aportar valor aos meus clientes?

Moitas veces a solución está na hibridación. Un bo exemplo disto é a mestura que pode nacer entre un hospital para meniños e os boxers de Fórmula 1. A sincronización e os sistemas de tratamento rápido do coidado do coche inspiraron a implantación de novas rutinas no coidado de bebés nun hospital.


...Como se xeran as ideas?

Debemos utilizar por suposto a nosa creatividade, pero podemos enfocar o tema dende a perspectiva: que sabemos facer? Que novo catálogo poderiamos crear co que sabemos? Pero sobre todo é importante: que poderiamos facer mañá, non hoxe?. Non hai que expor que facemos senón que poderiamos facer máis alá do momento presente.

Por exemplo, unha empresa metamecánica (fabricación de pezas) podería utilizar unha tecnoloxía similar pero con titanio, o cal a levaría ao sector metametálico, onde podería encargarse de facer implantes (sector saúde). Dous produtos aparentemente moi diferentes fabrícanse non obstante cunha tecnoloxía moi similar e, polo tanto, podería facerse unha ampliación empresarial por este camiño sen un custo elevado para a empresa. Así, é importante abrir as portas á multidisciplinariedade. Evitar sempre os percorridos liñais que nos pechan portas. É recomendable un deseño en tres direccións:

deseño, operación e clientes

O grupo de traballo debe avaliar sempre que facer, a tecnoloxía que se vai empregar, que nos piden, que riscos existen (de execución, de mercado...). Para a xeración de ideas, ademais, recoméndase non pecharse ás persoas propias, senón que a investigación se debe ampliar con autónomos ou scouts que buscan ideas fóra e dende fóra: exploradores que de xeito sistemático analizan o mercado (a escala mundial). Débese entón apostar por unha innovación aberta.

“Se existe un reto e unha tecnoloxía existe unha solución:
sempre alguén ten a resposta”


...O valor

Alfons Cornellá di ter descuberto que o valor é a palabra clave do motor da innovación, xa que representa o valor para o cliente e, polo tanto, non é se cadra tan importante a idea como que esta cobre valor para que se poida transformar nunha verdadeira innovación entrando de feito no mercado.

Crear valor sobre unha idea é moitas veces algo que roza o campo emocional, aínda que tamén inflúen outros aspectos como o prezo, a facilidade de comprensión, o xeito de darnos a coñecer, que sexa sinxelo o contacto... E neste campo aínda queda moito por facer.

Cornellá remata dicindo que moitas veces resulta interesante saír do día a día da propia organización. Isto pode servir tanto para ampliar miras como para ollar como está o mercado, facer unha análise dos clientes -dos vellos e dos novos, dos posibles no futuro-… De feito, é unha misión do líder da organización a de poñer en acordo ao mercado coñecido co descoñecido.


...Como colofón, dúas palabras:

explotar – explorar