Nada é imposible: Pep Torres: creativo e inventor.
Pep Torres, colabodor de programas televisión como “Crónicas Marcianas” ou “El Hormiguero”, é un inventor, un creativo, pero veciño ao mundo da empresa. A súa empresa, Stereonoise dedícase a innovar, a idear novos conceptos, creando tamén para outros....A perda do traballo
Pep Torres dixo ser un inventor, o cal resulta un negocio “marciano”. De feito, afirma que dende pequeno sempre quixo ser inventor. Na súa xuventude traballou como dependente nunha tenda de música, cun bo salario, fixo, convertido en especialista de guitarra flamenca. Isto conferiulle certa estabilidade á súa vida. Sen embargo, as ideas explotaban na súa cabeza polo seu afán creativo innato.
Un día Torres decide ofrecer ao propietario algunhas das súas ideas sobre o negocio. A tenda de música na que traballaba era un negocio tradicional, “rancio”, levado de xeración en xeración e neses momento ía caer en mans do sobriño do dono. Así que levou ao seu xefe e á súa muller a cear a un restaurante caro, para impresionalos, carta branca, pedindo números máis que receitas e, á hora da sobremesa, presentoulles as súas ideas, materializadas nun dossier. Neste documento recollíanse tanto ideas máis ou menos obvias sobre o melloramento do local como outras un tanto “marcianas” para un negocio de música.
Durante a velada todo foi tranquilo e ao final deixoulles o dossier. Dixéronlle que terían que pensalo con tranquilidade antes de facer unha valoración. Ao día seguinte, Pep entra pola porta e todo é normal. 9 da mañá, non pasa nada, 9:30, nada; 10:00 nada... Pep continuaba coas súas chapuzas... 11:00, nada; 11.30 nada… pero ás 12:00 do mediodía achégaselle o xefe e dálle en man un sobre marrón: estás despedido. Quedou en branco. Só entendeu o que pasara cando veu, ao final do corredor, ao herdeiro da tenda fregando as mans. O sobriño pensaba que tentara usurparlle o posto e velo marchar era unha ledicia para el.
Pep Torres considera aquel día o mellor da súa vida porque estar na rúa e sen traballo impulsouno a loitar por facer o que sempre quixera: ser inventor. Pensou: por que non explotar o potencial de ideas que teño dentro de min?
Trasladouse a Sevilla e alí comezou un negocio de venta de inventos, no cal investiu os seu aforros. Tentaba suplir o tempo de xestión con ideas e prototipos para outras empresas que lle facían determinados encargos. Pero foi un negocio ruinoso, posto que os clientes encargaban inventos “lamentables”, como un recolledor de excrementos para cans, que, de feito, non funcionaba. O negocio ía mal e xa estaba sen luz, sen forno, sen gas e sen aforros.
Neste punto da súa vida só vía 3 posibles camiños:
1) Continuar na dirección anterior, o cal non parecía recomendable.
2) Tentar vender inventos na súa totalidade, dende a propia idea á materialización. Pero isto tampouco parecía unha boa idea, xa que implicaría 18 meses de gastos sen ingresos, cartos que xa non tiña.
3) Dar volta ao negocio.
...O periplo televisivo
Dar volta ao negocio parecía a única solución viable. Pensou en que posibilidades podería ofrecer o negocio da invención, por exemplo: ser inventor, representar inventores, escribir sobre a invención... Estivo a pensar e deuse conta de que moitas veces, “de cañas” cos sevillanos, xurdían milleiros de ideas coas que se votaban unha risas. Os seu amigos dicíanlle “Ti que es inventor, por que non inventas... unhas lentes de contacto de sol para non ter marca das gafas, un preservativo feito con plástico de burbullas... “.
Así que comezou a facer este tipo de “trangalladas” con materias primas sacadas dos “todo a 100” e todo eran risas máis e máis risas entre os seus amigos. E pensou: se os meus colegas e máis eu rimos... se cadra podería rir todo o país e decidiu tentar meter as súas ideas na televisión.
Escribiulle unha carta a Xavier Sardá (que daquela presentaba “Crónicas Marcianas”), explicándolle o seu proxecto de montar unha sección de inventos tolos, adxuntando fotos das cousas que tiña argalladas. A idea gustoulle a Sardá, que decidiu probar con el esa sección.
Pep Torres viaxou a Barcelona e meteuse nun dos platós de televisión máis grandes de España, con capacidade para trescentas persoas. Nervioso, conseguiu non obstante un pico de audiencia e Sardá contratoulle unha sección que sairía en pantalla unha vez ao mes: “os inventos de Crónicas”. Así foi como se deu conta de que as regras do xogo dos mass media eran sota, cabalo e rei: sinxelas de entender e, polo tanto, era sinxelo facer rir á xente a través da televisión. Tratábase de buscar algo divertido, visual, rápido (que se entenda nun clic-clac) e que rematase cunha frase contundente e graciosa. Entendendo isto é fácil traballar para os medios.
...A creación dunha empresa propia
Logo de “Crónicas Marcianas” e xa en Barcelona dedicouse á edición de libros, a traballar para axencias de prensa ou á representación de escritores. Pero os programas non teñen sitio para os escritores, así que facía falta evolucionar aínda máis e creou unha empresa propia, Stereonoise.
Stereonoise ten tres liñas de actuación:
• Inventar
• Coller clientes que pretenden saír na televisión e conseguilo.
• Xeración de ideas (brainstorming) para empresas (os clientes propoñen retos e a empresa aporta creatividade).
Deste xeito multidireccional, Pep Torres creou unha empresa que dun ou doutro xeito sempre tira dela mesma. A historia da súa vida vén a confirmar que coa suficiente forza sempre podes chegar a facer o que queiras.
...Nada é imposible
Despois desta introdución autobiográfica comezou unha exposición máis específica sobre a innovación, titulada: non hai nada imposible, frase que podería resumir tamén a exposición anterior.
Torres pregúntase: que é unha boa idea? Cando tes unha idea, pénsala e dis: vaia idea, xenial!... pero pouco despois… é realmente boa esta idea?, quen ten o criterio suficiente para dicirme se é boa?..., un gurú?, onde se atopan estes gurús?
Segunda pregunta importante: onde está a fronteira entre a perseveranza e a obsesión?, en que momento debemos parar cando non conseguimos algo?
Terceira cuestión: pensa en pequeno, actúa en grande. Pequeno e grande non son medidas reais, todo está na túa cabeza.
Cuarta: por que os autónomos non nos poñemos nunca enfermos? Por que a miña administrativa pode non vir a traballar se ten 38 de febre e eu teño que traballar con 41?
...Historia dunha lavadora
Estas cuestións desenvolveunas Pep Torres partindo da seguinte historia: historia dunha lavadora.
Presentación do protagonista: Climent Verdaguer, director xeral de Servei Stació. Servei Stació é unha macro-ferraxería de Barcelona a escala industrial. Unha ferraxería que partiu dunha gasolineira e, ampliando miras, modernizouse pasando da venda de petróleo á venda de derivados do petróleo, cauchos, plásticos… para rematar por converterse nunha ferraxería industrial con oito plantas que vende materiais bastante estranos para un cliente non industrial, aínda que tamén se poden atopar trades ou serras, claro.
Climent chama a Pep Torres e contrátao para que pense por el como conseguir clientes para o día do pai. Pensa: está ben, necesito crear algo que sexa tan impactante que todos queiran vir velo, que veñan ver ese algo… e sen cartos.
Que debería ler alguén nun xornal para ir velo a Servei Stació? Viaxando coa súa moto ocorréuselle o seguinte titular “inventan lavadoras para homes” e imaxinou tamén o subtítulo: unha revolucionaria lavadora obriga aos homes a poñer unha de cada dúas coladas. Precisamente cando Pep Torres deseña esta campaña, España atopábase no apoxeo do paritarismo, así que como publicidade a mensaxe está moi clara, probablemente funcionará…
Mais… como facela? A idea é crear una lavadora na que o botón de acendido sexa capaz de ler pegadas dixitais. Se se rexistran as pegadas da muller e o home do fogar, só fai falta un sinxelo software que impida que a mesma pegada poña a lavadora dúas veces seguidas e así teñen cada un a súa quenda.
Colle as Páxinas Amarelas e busca “sensores”. Atopa catro empresas, ás que chama explicándolles a idea e dicíndolles que poñerán o seu logotipo no invento a cambio de que non custe nada o sistema de pegadas dixitais. Tres das empresas din que non… e a última di que si. De feito, a “lavadora paritaria” foi unha realidade en tan só 10 días: todo pode facerse rapidamente apremando os parafusos axeitados.
O aparello tivo un custo cero: a lavadora púxoa o propio Climent, utilizouse un ordenador normal para non gastar cartos e o sensor foi cedido de xeito gratuíto, asegurándose o comerciante de colocar o seu logotipo por duplicado para saír en todos os medios. E, a partir disto, ampliouse esteticamente o asunto con algún que outro cable que non servía para nada pero que daba a impresión de invento facendo do asunto algo máis complexo do que era en realidade. A isto sumouse un gasto de dezaoito euros dun cartón pluma informando sobre a lavadora paritaria. Custo total: dezaoito euros.
Torres envía unha nota de prensa co texto: preséntase a primeira lavadora para homes… E el xa sabía que ía ser unha hecatombe. Certa experiencia conferiulle a sabedoría suficiente para coñecer de antemán que impacta aos medios. Pasaron poucos minutos cando chamou directamente Lorenzo Milá para dicir que quería a noticia. Foi o inicio de todo un festival de medios: El Mundo, Europa Press, 20 Minutos (falando xa de lavadora paritaria), ABC (que titulou: por fin a lavadora paritaria!, facendo ademais unha alegación política e, polo tanto, conseguindo unha transcendencia importante xa que camiñaba cara a outro plano de interese), Diario de León, Telecinco, La Voz de Galicia… En tres semanas o director xeral da empresa concedera arredor de 150 entrevistas.
Torres quería seguir aproveitando o invento, así que traduciu a nova ao inglés e enviouna á BBC. En concreto enviouno a unha xornalista de tecnoloxía e no mail tentaba seducila coa mensaxe: gústame como escribes, esta nova parece cadrar na liña que levas nos teus artigos... A resposta tardou unha semana e a nova chegou a ser portada do The Wall Street Journal. De feito, un correspondente achegouse a Barcelona para facerlle unha entrevista.
Para o mercado dos medios norteamericanos, en temas de ciencia, o referente é o Cristian Sciencie Monitor. De feito todos se nutren del, así que unha vez saído neste, ampliouse o campo de acción: USA Today… e de aí ao mercado mundial (Noruega, Brasil, Vietnam -onde se fala da mente privilexiada de Pep Torres-, a Unión Soviética, Xapón…).
Pep Torres insiste en que cando fas unha difusión tan ampla dunha nova, é importante meter con calzador nas fotos o logo da empresa implicada, para que saia sempre por máis que recorten. É moi probable que no texto da nova non se mencione e por iso debemos asegurarnos de que sae na foto.
E así Servei Stació saíu en medios de comunicación de todo o mundo. De feito, naquel momento tivo aparicións en 700 medios; agora mesmo en máis de 1.500 medios de 59 países. Unha repercusión enorme, supoñendo que calquera escritor, por exemplo, estaría máis que contento de conceder 30 entrevistas e que 300 impactos mediáticos só se poden conseguir cando o personaxe xa é mediático de antemán.
...Que é unha boa idea?
A partir desta historia, Pep Torres reflexiona de cara á pregunta que é unha boa idea? Unha lavadora para homes como idea non é nin boa nin mala, só resultou ser unha boa idea cando xerou valor, antes non valía nada. Como idea pode ter chispa, pode ser un enfoque diferente pero non é nin boa nin mala. Quen ten o criterio para dicir se é boa ou mala? Neste caso, foron a inmensa cantidade de medios de comunicación que acolleron a noticia os que fixeron ver que se trataba dunha “boa” idea.
...Onde está a fronteira entre a perseveranza e a obsesión?
Moreas de mulleres chamaron dicindo querer a lavadora paritaria. Entón… por que non facela de verdade e comercializala? Coméntao na empresa de sensores. A idea é facer un sistema máis pequeno para que poida estar incluído nunha lavadora. Pero a resposta parece non chegar nunca, a empresa dedícase a un mercado totalmente diferente, se cadra non lle interesa e dá só vaguedades…
Cinco meses despois, Pep Torres considera que continuar loitando pola construción da lavadora podería traspasar os lindeiros da obsesión e decide parar, dicindo a toda aquela que chama: sentímolo pero non hai lavadora paritaria. Todo esta historia vén a explicar ademais o terceiro dos puntos aos que fixera referencia no inicio da exposición: pensa en pequeno, actúa en grande.
...Inventos
Pep Torres presentou unha serie de inventos deseñados e realizados por el mesmo, con diversas intencións:
• Aparello para fumar en espazos públicos.Trátase dun complexo sistema de tubos para poder fumar sen botar fume fóra. O invento pesa 12 kg (case nada!) e consta dun tubo cun cigarro dentro, un espazo para o fume e unha válvula de osíxeno para facilitar a súa utilización. Con este invento conseguiu unha páxina enteira do TIMES.
• Sistema para resetear un ordenador a golpes. Isto foi un encargo dunha empresa sen chispa, que necesitaba un empurrón. Así que Torres deseñou unha enquisa que realizou a varios centos de persoas, preguntando:
-Algunha vez tivo gañas de darlle un golpe ao seu ordenador? (100% de respostas positivas)
-Fíxoo algunha vez? (95% de respostas positivas)
-A que elemento? (rato -sobre todo-, monitor, CPU, teclado…)
Desta enquisa saíu unha noticia nos medios que dicía: “o 80% das persoas maltrata ao rato do seu ordenador. Unha monxa dislócase a man por este costume”. O invento que saíu desta experiencia foi un aparello a modo de placa que, tras darlle un golpe, facía que o ordenador se reiniciase, de xeito que podemos descargar a nosa ira sen danar o equipo. O curioso é que o sistema consistía simplemente nun enchufe e un interruptor que cortaba momentaneamente a corrente eléctrica ao ordenador. Un invento que a pesar da súa simplicidade vendeuse moi ben en Latino América.
• Colchón para parellas que duran pouco. Trátase dun colchón a modo de quebracabezas en dúas pezas, de xeito que: se te separas, podes levalo contigo; e, se tes unha pelexa momentánea, podes levar o teu anaco para outro lugar do fogar. De novo se trataba dun cliente que quería saír na televisión. Un produto vendido ao 100% das unidades realizadas.
• Quenta-coitelo para manteiga. Un sinxelo vaso con dous buratos para as paletas. Dento do recipiente métese auga quente e esta é a que quenta a paleta para que resulte máis sinxelo untar a manteiga recén saída da neveira.
• Toalla cun burato para a antuca. Unha toalla redonda cun burato no centro. Un invento sinxelo pero que funcionou moi ben en canto a vendas.
• Trapo de cociña con imán. Para evitar os panos polo chan cando se caen os ganchos ou os propios panos, coa facilidade de que tiras o trapo á neveira e alí queda. Un invento de fabricación propia que tamén tivo moitas vendas.
• Tapa para tixola con aspas. Unha tapadeira cunha hélice dentro que dá voltas á comida sen ter que levantar a tapa.
...A experiencia con Tau Cerámica: unha baldosa para adelgazar
Pep Torres consegue así unha empresa de invención que funciona, tanto vendendo artigos propios como ofrecendo a outras empresas un servizo de publicidade a través de inventos que xeran repercusión mediática con custo reducido. Un dos últimos aparellos que inventou con este cometido foi encargado por Tau Cerámica. O seu departamento de I+D pretendía chamar a atención nunha macrofeira de construción na que están presentes as mellores marcas e na que todas loitan por saír nos medios.
Tau Cerámica quería chamar a atención pero contaban só cun metro cadrado. A empresa estaba traballando nun proxecto de falso chan en material plástico sobre o que colocar baldosas sen cemento. Esta base plástica permitía ademais a incorporación de cableado e chips debaixo do chan, podendo así, por exemplo:
Saber cando está alguén enriba da peza mediante un sensor
Coñecer o número de veces e as horas ás que isto sucede…
Isto ten determinadas aplicacións como alarmas para ladróns. Pero Torres pensou nunha aplicación moito máis mediática: colocar un sensor diante da neveira para saber quen se para nela ás 5 da mañá. Un chan “intelixente” que che axuda a facer dieta. E chamouno: Diet Floor porque, segundo di, os nomes en inglés funcionan mellor. E tan ben funcionou que foi o único stand que saíu en todos os medios. As personalidades cambiaron a súa ruta oficial para parar diante do expositor de Tau Advance e poder pisar o chan intelixente, pousando para eles.
Un dos puntos importantes neste caso foi conseguir sacar a noticia á luz antes da feira, de xeito que existía xa unha expectativa e buscábase o stand para ver o invento. Google recolle nestes momentos arredor de 3.000 entradas a partir das palabras: Tau Diet Floor.
Pep Torres fai un inciso para explicar como resulta moi útil poñer nomes concretos aos inventos: é práctico á hora de conseguir impactos nos medios. O Diet Floor foi noticia dende Polonia a Xapón porque reunía humor, tecnoloxía e utilidade práctica.
Trátase dun reclamo mediático que as empresas deben saber aproveitar. Neste caso, por exemplo, cando os medios se achegan a Tau Advance, son estes os que se deben encargar de explicar a súa historia, a súa traxectoria, que fan, como innovan ou que aplicacións teñen pensadas para un chan de tales características: ladróns, caídas de persoas maiores… aplicacións que por si mesmas non serían quen de conseguir tanto impacto mediático.

