O sector da pedra en Galicia: Eva Portas: arquitecto técnico e responsable da área Técnico-Normativa da Asociación Galega de Graniteiros. Fernando Varela: xerente da empresa Gralicia.
Eva Portas, da Asociación Galega de Graniteiros, explica que se trata dunha asociación que reúne a 26 empresas, as máis importantes do sector en canto a transformación de granito na comunidade galega. Ten un volume de negocio de millóns de toneladas de granito nacional ou chegado doutras canteiras. De feito, o 85% do granito traballado en España parte de Galicia, sendo ademais a segunda industria a escala europea, detrás de Italia.Non obstante, a relatora sinalou que “debemos ser prudentes”. Manifestou que no momento actual están nunha paréntese por mor do calado de determinadas empresas no eido internacional. A función da asociación é a de desenvolver a industria do granito e asesorar en estratexias de venda. Nestes últimos anos a AGG puxo en funcionamento un departamento de Asesoramento Técnico, iniciativa que tivo unha grande acollida, xa que axudará ás empresas a paliar o parón que se presupón para o futuro.
En canto á exportación, expórtase o 30% do traballado, dado que Vigo ten unha localización privilexiada para a saída de material. Pero cada vez hai máis competencia (India, China, Brasil). E, polo tanto, a estratexia debe de ser a diferenciación, o cal non tería por que resultar difícil posto que tradicionalmente se relaciona aos galegos co bo facer. Os mercados internacionais cobran importancia e hai que investir en internacionalización pero con prudencia, debido ao esforzo económico que supón, de aí a importancia do asociacionismo.
Hai que ter en conta que no sector do granito en Galicia se traballa con tecnoloxía punta, cunha gran capacidade de transformación, partindo da tecnoloxía máis avanzada do mundo, sen esquecer o Centro Tecnolóxico do Granito. Esta tecnoloxía aplícase para optimizar os procesos produtivos, produtos, novos acabados, solucións construtivas…
Portas resaltou que queda un tema pendente: a formación e, sobre todo, a formación regrada. Fai falta man de obra especializada e non só obreiros. Para unha nova xeración de produtos precísase, ademais, unha nova visión en canto a marketing e innovación.
Fernando Varela, xerente de Gralicia, falou tanto da empresa en particular como dos problemas que afectan ao sector na comunidade galega, sobre todo nos últimos meses.
Gralicia é unha empresa con dez anos de vida baseada fundamentalmente noutra empresa familiar con moitos anos de experiencia no mercado. En 1996 xorde o proxecto de Gralicia como provedora de taboleiros. A empresa nace como tal arredor do ano 2000, sendo un proxecto novo, con persoal novo, xente formada, vai medrando de xeito sostible, é unha firma dinámica. Mesmo está a levar aceptablemente ben o momento actual de desaceleración económica.
En canto ao sector, Varela asume que está nunha situación preocupante. Trátase dun sector relativamente novo, xa que no ano 89 apenas existía o sector graniteiro en Galicia. Agora ten un nome porque nos últimos anos se desenvolveu en gran medida, apoiado por unha época de forte demanda, que xerou fortes vendas e porque o sector na comunidade caracterízase por unha boa materia prima, de excelente calidade, un bo traballo e unha boa cultura da pedra.
Non obstante, trátase dun sector novo. A situación internacional ten altas cotas de mercado e por un momento creeuse estar nunha boa posición. Pero nos últimos meses a situación está a mudar. Estes cambios veñen da man da depreciación do dólar e da entrada no mercado de países emerxentes cunha mercadoría a un prezo moi baixo. Nesta liña, o experto destacou que estamos nunha situación de loita por vender, aínda que asegurou que competir con estes países é difícil.
Varela aproveitou para facerlle unha pequena reivindicación á Administración. Non se centrou tanto en reclamar axuda económica ou subvencións como en pedir un pouco de igualdade no tratamento ás diferentes empresas. Sinalou que na realidade actual a Administración española resulta rigorosa e moi esixente en temáticas como o medio ambiente, a seguridade laboral, as normativas… (tamén chegadas da UE)… Pero, non obstante non pon trabas a produtos que chegan un 50 ou 60% máis baratos de empresas sen controis de seguridade (ou non ao mesmo nivel), sen seguridade laboral.... Trátase de firmas da India, China, Mongolia… que fornecen materiais mesmo para obra públicas -“cando a moitas empresas privadas non os utilizan porque poderían ter problemas”-.
Fernando Varela falou de “demagoxia” e puxo como exemplo o aeroporto de Barcelona, construído na súa maioría con material estranxeiro, sen que ninguén se preocupe das condicións nas que ese material foi traballado nos países de orixe. Non se preocupan pola explotación infantil noutros países, só no noso. E, polo tanto, cabería pensar… a onde chega a norma? Ata o de agora, as empresas indias estaban máis orientadas cara aos EEUU pero nos últimos meses están a entrar con forte impacto en Europa, facendo moito dano en xeral e ao sector galego en particular, que non pode competir polo menos contra o seu prezo.
A pesar desta situación, Varela fixo un chamamento para animar ás empresas. Sinalou que o que convén facer é desmarcarse. Non podemos competir en prezo, pero si en calidade, xeito de traballo, tecnoloxía… E nisto terá moito que ver tamén o Centro Tecnolóxico do Granito e os departamentos de I+D, onde se deben buscar novas ideas e fórmulas.
Galicia debe buscar un valor engadido ao seu material, convencer aos clientes de que o granito é un produto natural e nobre e que, ademais, ten unha vida finita. Unha árbore tallada pódese rexenerar nunha determinada cantidade de anos, dependendo da árbore. A rexeneración do granito non existe e iso débese ter en conta. Non obstante, o granito non entra na temática ambiental coma se fose estar aí para sempre manando na nosa terra.
O relator tamén puxo de manifesto que o ideal sería que a Asociación Galega de Graniteiros estivese nos proxectos dende a súa orixe, xa que normalmente a súa actuación adoita realizarse sobre a marcha. E cando chega esa intervención moitas veces xa se cometeron certos erros, como materiais que non son axeitados para determinados proxectos.
Todavía existe moito descoñecemento no sector, tanto por parte dos centros de ensino como das propias empresas. De feito, o propio sector non se mete nas escolas (arquitectura ou enxeñarías) e, polo tanto, hai unha falta de coñecemento a moitos niveis. Así, moitos técnicos non coñecen os diferentes materiais e non é sinxelo tampouco explicar as súas características porque en ocasións semella que se están a vender determinados produtos no canto de informar.
Escoller un material ou outro é unha decisión que hai que tomar estudando o proxecto específico: non é o mesmo construír unha casa en Galicia que un bloque de apartamentos en Barcelona ou un rañaceos en Nova Iorque. Por exemplo sería ideal poder ter equipos preparados tanto técnica como profesionalmente que fosen capaces de traballar para a construción de rañaceos e non só poder ofertar os materiais. Trátase de ser capaces de xerar esta tecnoloxía pero resulta complicado e depende da cooperación. “Ata os acordos máis básicos son complexos” -afirmou Varela-.
A Asociación Galega de Graniteiros reúne a 28 empresas, pero son só unha ducia as que moven o mercado. Así, resulta complexo asinar acordos nos que todos estean de acordo, se cadra tamén pola mentalidade do empresario galego. Un cambio desta mentalidade resulta fundamental: tamén aos directivos lles fai falta un cambio.
Nestes últimos tempos, empresas con 15 anos de vida e números uns caen en mans de empresas investidoras. A tensión acumulouse nos últimos tres meses, de xeito que a situación está a mudar dun xeito vertixinoso. “Só queda agardar, ser capaces de superar a focha, ser quen tamén de dialogar e de discutir de maneira construtiva” -declarou o relator-. E afirmou que entramos nun momento fundamental para Galicia, no que reflexionar sobre o noso futuro.
Fernando Varela e Pep Torres
Tralo final da conferencia comezou unha pequena charla entre Fernando Varela e Pep Torres. Nela comentáronse aspectos como o feito de que o prezo non é o valor definitivo dos produtos, poñendo como exemplo o éxito mundial de Ipod fronte ao resto de marcas que comercializan reprodutores Mp3, todas elas moito máis económicas.
Varela insistiu en que é importante valorar o noso e non crer que porque o temos aquí é de calidade inferior que outras materias primas que veñen de fóra. Hai que pagar o prezo que vale porque é materia de primeira calidade, coa cal se poden enfrontar proxectos de grande envergadura. Deixar atrás o complexo de inferioridade dos galegos.
Pola súa parte, Torres comentou que non podía entender como o granito “porriño rosa” non tiña aínda denominación de orixe. E Fernando engadiu que, ademais, agora resulta difícil loitar contra novos materiais sintéticos -pese a que son máis caros- porque se queren vender como o “non vai máis”, deixando os materiais tradicionais fóra da moda, quitándolles valor, cando en realidade o granito pode ter moitas outras vantaxes, ou ben, mediante determinados tratamentos, ofrecer o acabado desexado.
Fernando Varela asume que no sector da pedra en Galicia non existe unha mentalidade que aposte pola innovación porque ata o de agora o mercado ía ben e non facía falta. Agora que hai un retroceso é importante non só innovar, senón tamén dispoñer de persoal comercial cualificado e non contratar autónomos por comisión, xa que as vendas non serán iguais, polo menos a nivel cualitativo. Pode que dende o punto de vista cuantitativo non se note pero apréciase en que non é o mesmo pensar en vender a toda costa que defender unha empresa e os seus intereses.

