Creación e lanzamento de empresas de base tecnolóxica: Pedro Moneo Laín: é fundador e director xeral de Open Innovation, unha rede internacional de innovación aberta que conecta a emprendedores, tecnólogos e a investidores.
...Explicou que Open Innovation ten catro frontes de actuación:• Dar asesoría estratéxica aos Centros Tecnolóxicos de España (Fedit).
• Dirixe unha revista de tecnoloxía.
• Dirección en España de Innbac, Internacional Business Accelerator Center.
• Fundación Opinno.
Pedro Moneo presentouse tamén como socio fundador de Allwatt (www.allwatt.com); consultor de negocio e estratexia en Accenture; investigador en Argonne National Laboratory (Illinois, EEUU); enxeñeiro nuclear (Commisariat à l’Energie Atomique, Paris) e enxeñeiro industrial (ETSII, UPMadrid).
O experto explicou que cando un ten ganas de montar unha empresa por primeira vez é moi posible que a experiencia remate mal, así que o mellor sería comezar cos cartos doutro. Sinalou que, se algo vai mal, non todo son desvantaxes: dos erros tamén se aprende, podemos corrixir iso que vai mal ou decidir parar, pero sempre teremos aprendido algo, mesmo logrado contactos de interese...
Para explicar o tipo de economía que nos rodea na actualidade, Moneo fixo referencia ás modalidades de empresas que se viñeron dando ao longo da historia, resumidas en tres tipos:
• Economía de Fase 1: baseada nos recursos naturais. Trátase de empresas que explotan a calidade e a abundancia de determinadas materias primas. Sería o modelo base dos países en desenvolvemento ou da Europa antiga. Os países do chamado primeiro mundo xa non se basean nesta economía: fai falla algo máis, non chega con ter ouro para entrar no mercado mundial.
• Economía de Fase 2: baseada na produtividade. Estas empresas diferéncianse pola produtividade que son capaces de xerar, pola velocidade e a capacidade, o baixo custo e tamén a calidade. Este tipo de economía é de recente implantación en España, coa democracia e a apertura do país, coa subida dos salarios e tamén do custo da vida. Pero esta economía tampouco é suficiente porque a competitividade é moi forte.
• Economía de Fase 3: baseada no capital intelectual. Son economías intensivas en coñecemento, que funcionan a modo de materia prima. O coñecemento está distribuído de xeito uniforme a escala mundial: un cerebro por persoa. Así que o que buscan estas economías é atopar cales son os cerebros que interesan, onde está o capital intelectual para conseguir levalos consigo. Defínense por este intento de atracción das mentes excelentes, pola súa pretensión de fixar o capital intelectual, por unha combinación de capacidades intelectuais, a creación dunha infraestrutura boa de traballo que favoreza o traballo crítico e, por último, caracterízanse por unha multilocalización.
A multilocalización é un trazo característico importante, consecuencia inevitable da globalización. Ao existir un mercado global sempre haberá lugares onde se fan determinadas cousas mellor ou máis rápido e, polo tanto, resulta lóxico botar man destas vantaxes, ir facer as cousas onde se realizan mellor.
Nesta nova economía (que se está implantando pouco a pouco nestes intres en España) non se trata de reter a industria, senón da capacitación do capital intelectual, aínda que isto signifique en moitas ocasións unha perda de postos de traballo a escala nacional. Este tipo de empresas poderían, por exemplo, ter a cabeza creativa en España, o pulmón financeiro nos EEUU e a súa produción en calquera outro lugar.
...A FEDIT, Federación Española de Centros Tecnolóxicos
Pedro Moneo presentou a FEDIT, a Federación Española de Centros Tecnolóxicos, creada a partir da apertura do mercado cara á Europa, que impuxo unha forte competitividade. En España moitas zonas non teñen fontes de coñecemento en innovación, por isto resulta útil a creación dun centro de Investigación para todas as pemes.
FEDIT medra a pasos axigantados, representando na actualidade a 67 centros privados de I+D+i aplicada, con máis de 5.500 investigadores e unha facturación anual de 430 millóns de euros en 2006. En Galicia, por exemplo, entra dentro da rede o ITG (Instituto Tecnolóxico de Galicia).
Os centros da FEDIT cobren o territorio nacional e están especializados en todas as tecnoloxías e sectores nos que existe presenza industrial, cubrindo servizos tecnolóxicos, formación e difusión, investigación baixo contrato e investigación propia. E, polo feito de representar a tantas empresas, dá unha idea do tecido industrial español.
Esta federación enfrontarase durante o ano en curso (2008) a un grande reto: a inclusión de 1.100 novos investigadores, que serán difíciles de atopar. O modelo do Centro Tecnolóxico é semellante a unha balanza. Non se trata de investigación pura, senón de investigación con aplicacións no mercado, que une a investigación externa e a investigación no laboratorio, pero sempre mirando cara a unha repercusión económica: produtividade en innovación.
...Open Innovation: a innovación aberta
Pedro Moneo falou tamén de Open Innovation: a innovación aberta, algo do que se fala moito a escala mundial, coma se fose o modelo a seguir nun mercado globalizado e competitivo. A innovación aberta oponse á innovación pechada, que trata de conseguir que non se marchen as persoas.
Por exemplo, unha empresa como Xerox, que funcionaba moi ben nos Estados Unidos hai vinte anos, continua coa mesma liña. Non obstante, hai pouco, unha empresa de nova creación, Cisco, empezou a chamar á xente se Xerox para ofrecerlle mellores condicións de traballo e en pouco tempo logrou chegar a onde a Xerox lle custara tanto tempo.
O mercado de traballo está a ser así. A xente móvese, cada tres ou catro anos muda de empresa, e en todas as empresas sucede o mesmo e tamén as empresas xogan ao mesmo. O mercado, en consecuencia, cambia dun xeito veloz e feroz. Neste proceso englóbanse proxectos que entran e saen, non se poden facer proxectos a longo prazo e, ademais, nin sequera interesa levar a cabo todo o proceso. Por exemplo, a unha empresa como Dell non lle interesa producir todos os elementos dos que constan os seus ordenadores, fai só aquilo que lle interesa e merca o resto.
Enton, quen fai que? E, sobre todo, que persoas nos interesa ter e cales son prescindibles? Ou mellor aínda, que non temos necesidade de investigar porque xa o investigou alguén? Todas estas son preguntas importantes nos tempos que corren. Debemos decidir con cautela que aspectos nos interesa levar e cales temos que “colocar” a outras empresas ás que lle poida interesar máis que a nós.
A innovación aberta é, polo tanto, unha consecuencia do mercado globalizado, globalizado no coñecemento. Atácannos o equipo humano, queren levalo con eles mais... cunha boa estratexia tamén este mercado ofrece grandes oportunidades, xa que ti tamén te podes aproveitar de todo aquel que está a facer agora o que ti queres facer mañá.
...Creación dunha empresa de base tecnolóxica
Cando se comeza coa creación dunha empresa de base tecnolóxica, en todos os casos o equipo fundador atópase cunha focha, un momento de baixada, un punto difícil: é o momento no que o prototipo está a piques de estar rematado. A focha agóchase detrás das seguintes cuestións: como o coloco no mercado?, que posibilidades teño?, que non teño?, que quero ter?, que non quero ter?
De feito, non sempre a investigación ten que rematar nun produto. A empresa podería derivar de cara á formación, venda de ideas, charlas ou conferencias... O lanzamento dunha empresa tecnolóxica debe partir e rematar nunha capacidade sólida de intelixencia tecnolóxica.
Fases na creación dunha empresa de base tecnolóxica
• Intelixencia tecnolóxica: estudar o mercado, identificar competidores, tendencias, produtos substitutivos, propiedades intelectuais rexistradas. Saber onde se atopa o noso produto dentro do mercado.
• Identificación e definición duna oportunidade: mediante una descrición tecnolóxica e de mercado, expoñendo un modelo, plan de negocio ou modelo de impacto económico que inclúa unha análise de viabilidade. Moitas veces en tecnoloxía de alto risco trabállase máis con fondos públicos que privados, presentando unha proposta a un programa de axuda. Pero isto vícianos: miramos só o futuro inmediato, o que representa un erro grave: o plan de negocio debe estar dende o principio.
Unha empresa non pode tirar para diante pensando en gañar cartos ou sobrevivir só coas subvencións porque iso pode ser investigar, pero non investigar para o mercado. O modelo de negocio debe ter afán de crecemento propio e ser unha entidade con ánimo de creación e competitividade.
• Desenvolvemento dun proxecto de investigación: configuración dun equipo investigador; selección de persoal propio ou externo; procura de axudas públicas en programas de investigación rexional, nacional e internacional; procura de capital privado FFF, Preseed funding.
Precisamos dos mellores profesionais, aínda que normalmente non poderemos acceder a eles. Pero podemos ofrecer participacións na empresa ou reparto de beneficios para atraelos. Se non se teñen cartos, outra vía de financiamento pode ser a de ofrecer participación empresarial a calquera compañía de crecemento rápido, pero sabendo ben a quen se lle ofrece, para que poidan aportar algo máis que cartos (por exemplo contactos). Non abonda con ter cartos, hai que buscar ben porque se a base non é boa caeremos tarde ou cedo, e quebrar é unha odisea en España porque está mal visto. Caer é caer ben profundo.
• Xeración e protección da propiedade intelectual: definir a estratexia de protección intelectual: segredo industrial, rexistro de invención, patente, copyright… de acordo co plan de negocio. Valorar a tecnoloxía unha vez protexida. Importancia da intelixencia tecnolóxica.
• Transferencia tecnolóxica: axustar as capacidades e a estratexia do equipo científico ou técnico para o futuro da tecnoloxía. Pero como sabemos se realmente dominamos a tecnoloxía? Hai seis vías de transferencia tecnolóxica:
1/ Contalo, difundilo. Pero, somos quen de contalo, de enfrontarnos ás preguntas que poden xurdir?
2/ Ensinar, ofrecer formación. Trátase de formar á xente para que chegue ao punto no que nos atopamos. Temos que ser quen de explicar a escala profesional a tecnoloxía.
3/ Facelo, I+D baixo contrato. Pero, somos quen de facelo? Hai que desenvolver as capacidades necesarias para chegar sempre ao mesmo punto, sabe chegar. Toda investigación é irretornable e, polo tanto, despois da investigación só queda o equipo que a fixo. Isto lévanos a pensar que é moi probable que xente que conseguiu proxectos unha e outra vez, conseguirá facelo tamén a vindeira vez, e estas intelixencias son valores que podemos ter como empresa.
Por tanto, non se debe enfocar o interese tanto no proxecto como no equipo, que é o máis importante. O negocio é importante pero o valor está na xente, en combinarse con xente que sabe de verdade, con xente que poña seriedade ao proxecto e mesmo “que poña cabelo branco sobre a nosa idea”.
*Cada unha das anteriores vías é máis complexa que a anterior. As tres últimas, nas que a empresa consegue cada vez máis beneficios, resultan por suposto máis complexas cada unha:
4/ Vender IP. Licenciamento de patentes. Neste punto débense ter obxectivos de venda e regular ben as patentes, estar asesorado por un bo avogado. Debemos ter claro se queremos vender ou só ceder. Tamén debemos saber para que van querer a licenza aqueles que nola merquen porque podería ser só un xeito que quitarnos do mercado.
5/ Colaboracións: Joint Ventures, alianzas estratéxicas. Podemos montar unha empresa en conxunto. Tamén neste caso hai que ter coidado coas negociacións, que son complexas.
6/ Explotar: Creación e xestión de spin-offs. Esta é a máis difícil das seis presentadas. Se pretendes asumir un spin-off, deberás ter controlados os cinco xeitos de transferencia tecnolóxica anteriores.
...Consellos á hora de lanzarse á creación dunha empresa tecnolóxica
Pedro Moneo explicou que tan só o 15 ou 20% do que se investiga sae finalmente ao mercado. Isto pode ser unha mágoa, máis tamén unha oportunidade. Moitas veces os proxectos veñen autoxustificados por aqueles que pagan a investigación (sexan fondos públicos ou privados) pero non se xustifican de cara ao mercado.
Así, o experto insistiu en que resulta de vital importancia saber con quen se xunta un. É importante xuntarse con persoas que non aporten só cartos, senón tamén outros valores como poden ser alianzas, apertura de mercado, consellos, contactos... Trátase do vello esquema coñecido como as 3 f: family, fools and friends (familia, tolos e amigos), que se supoñía eran os que apostaban por ti deixándote cartos para a túa empresa, pero este modelo xa non funciona. Fan faltala fontes de capital intelixentes.
...Moneo aportou unha relación de consellos para os emprendedores que se lancen á creación dunha empresa de base tecnolóxica:
• Realizar unha boa labor de vixilancia para protexer o capital intelectual.
• Utilizar as ferramentas públicas sen depender delas. Os cartos nunca deben faltar. O plan de negocio debe estar consolidado. Non se debe esperar polo público porque ás veces resulta importante a velocidade.
• Actuar rápido. Executar agora. Aprender coa práctica.
• Diferenciarse. Adoptar modelos de negocio disruptivos.
• Colaborar. Innovación aberta.
• Crear un equipo gañador (…apostar polo xinete, non polo cabalo).
• Pensar en grande (…en termos de éxito, non de beneficios).
• Ser global (…indo onde o mercado demande).
• No ter medo ao fracaso.
Outro bo consello é non seguir pensando no crecemento económico da túa empresa como se pensaba tradicionalmente, investindo os beneficios do ano anterior para ir medrando pouco a pouco, mediante un crecemento orgánico. Nas empresas actuais moitas veces o crecemento debe ser inorgánico para poder ser. Fai falta un forte investimento en determinado momento que xerará, de xeralos, moitos beneficios xa dende o comezo, pero baseándose nun forte investimento que se debe conseguir da nada.
Ademais, resulta de vital importancia ser creativo para recadar a xente que necesitamos pero tamén cómpre ser prudente neste punto.
Moneo aportou outros consellos enfocados á Administración:
• Xulgar os proxectos pola excelencia do equipo e non da tecnoloxía.
• Proporcionar as ferramentas necesarias para non producir medo ao fracaso.
• Facilitar a entrada de capital privado que xere un mercado competitivo.
• Crear una “base” sobre a que poidan implantarse e xerminar os cerebros máis válidos do mundo (visados, facilidades fiscais...).
• Complementarse cos axentes para “encher os ocos da cadea de valor” mentres esta non estea completa. En España o proceso produtivo sufriu un intenso cambio en moi pouco tempo, motivado tamén pola necesidade. Pro neste momento faltan emprendedores e algúns ocos por cubrir. Unha ferramenta que pode chegar a ser de vital importancia son por exemplo as caixas de aforro, que coa súa labor social poden exercer un papel dinamizador.
• Fomentar o espírito emprendedor, coas seguintes estratexias:
-Competicións de plans de negocio, algo moi habitual noutros países. Poden partir tanto de iniciativas particulares como da propia Banca ou das universidades. Os premios deben ser abundantes para xuntar intelixencias importantes. O xurado debe estar ben escollido, xa que pode dar de si novos pensamentos arredor do proxecto inicial.
-Alianzas internacionais e becas.
-Dar visibilidade aos emprendedores.
-Fomentar a creación de equipos multidisciplinares.
-Non interferir no fluxo de proxectos, deixalos voar.
...Evolución dunha empresa tecnolóxica
Xa na recta final da súa conferencia, Moneo retomou a temática económica. Deu a a entender que en España, ademais de estar acostumados a un crecemento orgánico, estamos tamén acostumados a posuír o 100% da empresa, sentir que é nosa, sen darnos conta de que ao mellor ese 100% ten menos valor que, por exemplo, un 2% de Youtube. Para explicar como debe ser a evolución dunha empresa tecnolóxica de alto rendemento, propón o seguinte esquema:

Onde:
• O inversor semente pode ser un banco ou algún particular.
• O acelerador de negocio non ten por que existir pero, de darse o caso, sería un achegamento externo que confire cartos de xeito rápido.
• Serie A e Serie B son grandes capitais, por exemplo fondos de investimento, que quedan coa maioría da empresa pero incrementan en gran medida o valor de cada unha das accións.
Pensar que somos tan bos que non imos precisar capital externo é unha falacia, non resulta real nas economías post-productividade. O que si debemos ter en conta son as saídas e non só as entradas de capital. Con isto Pedro Moneo refírese a que en determinados momentos pódeche facer falta un impulso económico e tes que recorrer a un capital externo pero máis adiante se cadra xa non che interesa que ese investidor posúa aínda accións.
Na estratexia de entrada é bo pensar na estratexia de saída porque iso facilita a venda cando nos poida interesar, cun simple: “o rendemento prometido xa chegou, así que agora podes marchar”. Sobre todo porque ter accións implica ter voto no consello e non sempre convén. Moitas veces collemos investidores que pensabamos nos ían ofrecer contactos, mercados e, se non cobren as nosas expectativas, se cadra, xa non os necesitamos máis.
....................................................................................................................................
Durante o coloquio final co público, un asistente preguntou se resultaba imposible chegar ao final sen fondos externos. Pedro Moneo volveu insistir en que isto resulta imposible nas economías actuais, representando o intento un forte risco. Así como un ciclista non pode esperar a ter sede para beber, pois estará xa deshidratado, unha empresa debe ter sempre cartos no peto antes de rematar con eles ou estar sen case nada.
Moneo salientou que cómpre chegar a cada nova fase sen esgotarse, sen ter que depender das posibles ganancias. E isto é asi porque, se non das chegado, ameazas a viabilidade da túa propia empresa, darás a entender non estar preparado para levar a cabo o proxecto. Resulta difícil pedir cartos cando non se teñen, é moito máis sinxelo cando as cousas van ben. Quedar a cero ou próximo é moi perigoso, sobre todo nun país que condena o fracaso.


