Gurús da rede: Eduardo Manchón: socio fundador e ideólogo de Panoramio, empresa española de xeolocalización de fotos que foi adquirida por Google en 2007. Juan Freire: biólogo, profesor universitario e emprendedor. Este blogueiro galego explora o papel da innovación, a estratexia e a tecnoloxía nas redes sociais, as organizacións e as cidades.
Eduardo Manchón relatou a súa experiencia con Panoramio. A empresa naceu en 2005 coa idea de que os usuarios compartisen as fotografías persoais de lugares xeográficos a través da internet, para o que botaron man da ferramenta Google Earth. Esta iniciativa foi concibida, nun primeiro momento, a pequena escala, partindo do feito de que a xente adoita sentirse orgullosa de pertencer á súa terra, municipio, vila ou aldea. Deste xeito, os artífices de Panoramio buscaban ilustrar o mundo a través de Google Maps, situando as fotografías dos usuarios no lugar exacto onde foran tomadas.A vida de Panoramio como empresa tivo cinco momentos clave que marcaron a súa historia:
1/ O seu nacemento como empresa, en outubro de 2005.
2/ O interese de Google no proxecto: o uso de Panoramio é recomendado por Google Earth en xaneiro de 2006.
3/ A colaboración con Google Earth: en decembro de 2006 Panoramio pasa a ser unha das capas que Google Earth ofrece por defecto. Nese momento, os servidores da empresa, situados en Alacante, caeron logo de soportar un tráfico 30 veces superior ao que era normal ata entón.
4/ Google merca Panoramio en xullo de 2007, demostrando un grande interese neste tipo de experiencias e no desenvolvemento e aplicación da idea inicial de Eduardo Manchón e os seus socios.
5/ Os usuarios aumentaron o envío de fotografías e comprobouse que Panoramio encaixaba con Google á perfección.
Eduardo Manchón empregou a súa experiencia con Panoramio para reflexionar sobre as características das empresas coñecidas como star-up de garaxe, empresas que comezan da nada, sen apenas gastos, sen investimentos relevantes, sen burocracia -por seren proxectos que fuxen das subvenciónns e dos contactos coas Administracións públicas- e sen gastar cartos en publicidade, traballando por efecto do “boca a boca” como sistema de publicidade ideal.
As historias das star-up de garaxe adoitan ter varios denominadores comúns: xente sen cartos, sen compromisos, sen horario e sen experiencia que se xuntan nun lugar co obxecto de executar unha idea. Este modelo de empresa e de emprendedor tivo a súa orixe no Silicon Valley, en EEUU, onde existen milleiros de experiencias deste tipo (tan só hai que lembrar o nacemento de Microsoft ou de Apple). Na seguinte táboa podemos ver as claves que configuran e caracterizan o nacemento e desenvolvemento dunha empresa de garaxe, como foi Panoramio nun primeiro momento.
| Equipo fundador | Programador | O diñeiro, é necesario? | Desenvolvemento áxil | Como comezar? |
| -Entre 2 e 3 persoas -Idade inferior a 30 anos -Ter confianza absoluta no que fas -Non subcontratar, xa que se perde axilidade ante os problemas | -Debe ter control absoluto do produto -Debe ter voz e voto na toma de decisións -Debe sentirse involucrado | -Non é tan necesario -O teu tempo vale cartos -Podes comezar na casa ou no garaxe dos teus pais | -Sacarlle melloras ao produto -Dedicarlle horas ao proxecto -Facer o necesario, sen florituras -Os erros non son un problema, deles apréndese | -No tempo libre -Con recursos mínimos -Con moitas gañas e confianza nun mesmo e na idea de execución do proxecto |
Eduardo Manchón concibe este tipo de modelo de empresa e de emprendedor como aquel que executa de xeito correcto e brillante unha idea e é flexible no seu desenvolvemento, sen importar se é o primeiro en concibir tal idea. O importante para o fundador de Panoramio é a posta en marcha do proxecto, non tanto a súa concepción.
Juan Freire incidiu no feito de que o escenario no que se moven os emprendedores ten cambiado moito nos últimos anos. Así, pasamos dun paradigma cerrado e xerárquico, característico dos séculos XIX e XX, a un modelo aberto, propio do mundo organizado e estruturado en rede contemporáneo. Internet propiciou o cambio de paradigma cultural e organizativo mediante as posibilidades técnolóxicas que ofrece e as múltiples aplicacións destas. Como sinalou o experto, “o importante non é a tecnoloxía, senón o uso que se lle dá nas comunidades organizadas en rede nas que vivimos”.
Freire abordou o cambio producido pola novidade organizativa -en rede-, a cuxa implantación contribuíu Internet de xeito decisivo, establecendo puntos de conexión e xerando efectos emerxentes e riquezas inesperadas e inexplicables para o paradigma clásico. Internet conta cun ADN aberto e de carácter xerador de riqueza, ao que contribúen en gran medida as ferramentas nacidas no contexto da Web 2.0, que aceleran o proceso grazas á súa capacidade para conectarse, para traballar en rede e para crear redes sociais.
No novo paradigma, Freire xa non concibe o coñecemento coma un stock localizado nun determinado lugar, senón que o entende coma un fluxo continuo e distribuído a través das redes sociais. O que no paradigma clásico era orde física, na nova era é desorde, no sentido de que se trata dun coñecemento con capacidade para estar en todos os lugares conectados á rede ao mesmo tempo, polo que se perde a noción tradicional de orde.
Na sociedade rede o valor xa non está na capacidade para xerar coñecemento -xa que este é moi abundante-, senón que pasa pola capacidade para filtralo e valoralo, controlalo e mesturalo, deseñar experiencias ao seu arredor e así crear un valor engadido. Isto explica que hoxe en día a invención sexa entendida coma unha innovación organizativa e non se mida pola orixinalidade dun determinado produto ou servizo.
Neste contexto, Juan Freire sitúa o cambio do rol do usuario, que pasa de ser un consumidor illado a un creador integrado nas redes sociais. Así, enténdese a importancia dos emprendedores na sociedade actual, así como nas empresas que crean, que teñen como pedra alicerce da súa estrutura a organización interna en rede e que se deben desenvolver nunha sociedade en cambio, na que predominan as organizacións abertas e na que o valor engadido está nas mans das persoas, dos emprendedores.
Por último, Freire mostrou dez regras básicas a ter en conta na creación e xestión dunha start-up, modelo de empresa de referencia no contexto da sociedade rede:
1/ O importante non é a idea orixinal, senón como se executa.
2/ Compartir é a base do desenvolvemento para estas empresas (por exemplo, a través do software libre).
3/ É importante crear unha comunidade arredor da idea que inicia a empresa.
4/ A comunidade fala e é importante escoitala.
5/ O equipo humano que forma a empresa debe ser multidisciplinar.
6/ Os erros hai que recoñecelos e saber superalos aprendendo deles.
7/ É máis importante ter capacidade de xerar mercado ca realizar estudos de mercado previos.
8/ Os plans de negocio perden validez neste modelo de empresa, xa que fan que as estruturas se volvan ríxidas e se perda dinamismo empresarial. Só deberían ser considerados como unha reflexión interna do equipo.
9/ Deixar o marketing en segundo plano.
10/ O obxectivo principal das start-up deben ser os usuarios, non traballar coa intención de vender a empresa nun futuro.

