Imprimir

Software libre en Galicia: José Juan Alonso: socio fundador de Igalia, empresa coruñesa que traballa co software libre. Roberto Moreda: socio fundador de Allenta Consulting, empresa especializada na administración de sistemas.

José Juan Alonso explicou que o proxecto de Igalia comezou en setembro de 2001, cando oito enxeñeiros informáticos se propuxeron traballar cunha idea novidosa en canto ao modelo organizativo aplicado ao software libre.

A empresa nace sen financiamento externo, cun capital inicial moi limitado e limitante, xa que á hora de superar barreiras de crecemento empresarial o idóneo é contar con recursos financeiros estables. A estes factores debe engadirse un contexto, o galego, marcado polo carácter feble das súas pemes, e a situación emerxente en Galicia do software libre a principios de 2000.

O primeiro que poñen sobre a mesa Alonso e os seus socios é a estrutura e o contexto interno da empresa, e como emprendedores deciden adoptar un sistema cooperativista asambleario, no que todo traballador -despois dun determinado tempo- pasa a ter voz e voto, ao mesmo nivel que os socios fundadores. Este principio xorde paralelo á idea de que todos aqueles traballadores que compartan unha certa responsabilidade dentro dos proxectos -sexan socios fundadores ou non- teñan a mesma remuneración salarial.

A empresa comeza a ter certa proxección internacional, logo de conseguir aumentar o número de socios e de saír nos medios como empresa punteira no sector da man dos seus primeiros clientes internacionais. En cinco anos a empresa consegue aumentar un 1.350% o seu capital social, subir un 569% o seu nivel de facturación, ao tempo que continúa creando postos de emprego (aumenta un 300% o persoal contratado dende os comezos) e investindo en I+D, aspecto ao que dedican un 252% máis de fondos que nos seus inicios.

O segredo do éxito reside, segundo afirma Juan José Alonso, en xuntar un equipo de xente comprometida co proxecto e altamente capacitada e motivada. Se isto se mestura cun pouco de sorte, conseguirase facer fronte ás adversidades sen perder a fe nas posibilidades de éxito. Así, os obxectivos de Alonso e dos seus socios para os vindeiros dous anos son:

-un aumento dun 1.225% do capital social.
-superar nun 215% a facturación de anos anteriores.
-aumentar nun 140% o cadro de persoal.
-continuar a investir en I+D (dentro do ámbito do software libre).
-conseguir aumentar as cotas de internacionalización, ata que a taxa de facturación internacional supere o 75% do total.

 

Roberto Moreda contou a historia de Allenta. Nesta empresa todos son administradores de sistemas, dende os que exercen de comerciais e visitan a novos clientes ata os que executan os proxectos, porque é importante que todos estean implicados e manexen o mesmo grao de coñecementos sobre o tema no que traballan para ofrecerlle unha seguridade ao cliente.

Allenta non desenvolve software, senón que exerce o rol de fontaneiro das empresas administrándolles os seus sistemas operativos. En 2004, Moreda e os seus socios idearon unha estratexia para entrar no mercado da administración de sistemas das empresas galegas: a seguridade das redes das empresas, mediante o traballo cos seus Firewall e Proxys. Era necesario, por aquel entón, asesorra e informar sobre a seguridade na rede a empresas que comezaban a empregar Internet. Allenta conseguiu crear un equipo con experiencia e na actualidade traballa con 15-20 clientes de gran peso no contorno económico galego (banca, sector téxtil, medios de comunicación...).