100% software libre pero sen software: Alfredo Romeo Molina: fundador de Blobject, empresa cordobesa que se dedica a desenvolver e conceptualizar servizos que teñan como base a implantación de tecnoloxías libres, sostibles e emerxentes. Rubén Díaz e Felipe Gil: fundadores de Hapaxmedia, empresa sevillana centrada na xestión cultural e as novas tecnoloxías.
Alfredo Romeo Molina mostrou que o concepto de software libre tamén se pode aplicar a experiencias que non teñen que ver co desenvolvemento de aplicacións informáticas, senón que xiran ao redor dunha idea determinada ou dunha organización empresarial novidosa. Nesta liña, Blobject é unha empresa que nace tomando como referencia o século XXI e as novas formas sociais que se fan efectivas coa chegada da Sociedade do Coñecemento.
Dende o ano 2004, Blobject traballa en tres aspectos concretos do ámbito empresarial: os servizos turísticos, a mobilidade sostible e a consultoría. No caso dos servizos turísticos, ofrece coches eléctricos para visitar Córdoba de forma ecolóxica e sostible. Tamén organizan rutas en Segway pola cidade cordobesa e por Sevilla. Tamén nos automóbiles eléctricos se basea a súa plataforma de mobilidade sostible, con grande variedade de coches para que os clientes poidan elixir. Finalmente, co e-Consulting traballan cos seus clientes para crear plataformas avanzadas de información, empregando tecnoloxías libres co fin de ofrecer á sociedade servizos óptimos.
Amigos nunha ruta en coche eléctrico por Córdoba: en Blobject trabállase cunha filosofía empresarial que ten como pedra alicerce a paixón polos clientes. O cliente é a razón de ser da empresa. Ademais, esta ten como motivación o ámbito local, o contexto no que se traballa coas novas ideas que xorden e onde se aplican nun primeiro momento. Este modelo de negocio xa se está a explotar noutras cidades, coa axuda e asesoramento de Alfredo Romeo e co paradigma de Blobject como referente. Deste xeito, aplícase a filosofía do software libre á idea de negocio que, neste caso, se comparte e traslada a outro contexto co mesmo resultado: o éxito empresarial.
Rubén Díaz e Felipe Gil explicaron que o software representa para Hapaxmedia unha filosofía de cultura libre que lles indica o camiño a seguir e as decisións que deben tomar en cada momento como empresa. Estes emprendedores andaluces aplican en Hapaxmedia, firma creada en 2004 en Sevilla, un modelo de negocio baseado nos procesos creativos e na maneira na que estes se executan.
Ante un modelo clásico de negocio na xestión de empresas de xestión cultural e novas tecnoloxías, no que o proceso de produción sobresaía por enriba dos de investigación e divulgación en canto a importancia, Hapaxmedia aplica un modelo novidoso que establece unha importancia igualitaria entre os tres procesos. Así, para os seus promotores, a produción, a investigación e a divulgación están nun mesmo nivel e trátase de procesos que merecen igual atención.
En Hapaxmedia trunfa o paradigma do software libre como filosofía empresarial: un emprendedor debe saber adaptarse ao contexto no que vive, cada vez menos previsible. Así, ao igual que os usuarios adaptan as aplicacións de código aberto ás súas necesidades, nesta empresa adáptanse ás situacións que xorden na vida diaria. Ademais, válense da experiencia dos usuarios, xa que, a través das súas valoracións e da comunicación -entendida como unha conversa, na que non só se emiten mensaxes, senón que tamén se analizan as respostas-, estruturan as fases de investigación e divulgación.
Para esta firma o usuario é o centro da divulgación dun produto para a confección do cal se investigou previamente mediante a análise da comunicación coa cidadanía. Esta é a filosofía de Hapaxmedia e a súa fórmula de éxito empresarial.

