Imprimir

Cine do emprendedor: Juan Ferrer: experto en coaching e xestión de recursos humanos.

 O experto artellou a súa exposición ao redor dunha idea esencial: animar ou motivar a que as ideas para montar unha empresa se convirtan en feitos. Cómpre sinalar que este itinerario está pensado para alumnos e alumnas de Formación Profesional e de ESO, polo que se tenta dar unhas pautas básicas para que  os rapaces interioricen e comprendan esta actitude. Trátase, segundo palabras de Juan Ferrer, de “conseguir que che vaia ben no que che gusta”. Acorde a esta idea, baseou a súa intervención en preguntas que ilustrou con anacos de filmes.


A primeira das cuestións que formula o experto é saber se teño o xen do emprendedor? Para trunfar cómpre ter unha actitude, non se trata só de ter unha boa idea, senón saber realizala e afrontar os obstáculos que se presentan no camiño. Ferrer anima a intentalo as veces que sexa necesario e non escatimar en forzas porque do contrario non se verán os froitos.

Que van poñer no meu epitafio? Con esta pregunta tan contundente explícanos que sempre se están a buscar escusas e xustificacións externas ás decisións que non tomamos e ás accións que non chegamos a realizar. Por iso o experto incide en que non deben acumularse acontecementos hipotéticos nas cabezas dos emprendedores e emprendedoras, malia os escollos que poida haber no camiño ou por moi difíciles que semellen as metas.

Que queremos lembrar para o futuro? Cando se volve a ollada cara atrás recapacitamos sobre os nosos logros, derrotas ou intentos. Segundo apunta Ferrer, existen dous tipos de persoas: os agricultores e os cazadores. Os primeiros non arriscan e confórmanse co que poden obter facilmente, sen grandes esforzos. Pola contra, os cazadores son aqueles que se lanzan ao reto e ao descoñecido para obter algo novo que os demais saben que non van acadar.

Por que queren ser emprendedores? Existen diferentes motivos que van dende o eido persoal ata o laboral: porque non se está ben co xefe ou xefa, porque non existen expectativas de mellora, porque son conscientes de que teñen unha boa idea e queren plasmala... Calquera destas razóns é suficiente e constitúe a base do guión da nosa vida. “Escribir os diálogos e as accións              -asegura Ferrer- é unha obriga que debemos cumprir”.

Están fartos do seu xefe ou xefa? Segundo os estudos realizados preto do 70% dos traballadores e traballadoras recoñecen que non están cómodos cos seus superiores e que este é o principal motivo para cambiar de ocupación.


Non che deixan innovar? Se es consciente de que as túas ideas e propostas son boas e terían uns bos resultados no caso de levalas á práctica, resulta moi frustrante que sempre teñas unha negativa por resposta e que non se valore a innovación que podes aportar. Nestes casos non é posible canalizar e aproveitar todo o potencial existente, así que poñer os medios para plasmar en accións todo o teu potencial é o que fan os emprendedores e emprendedoras.

Sempre se fixo así. Esta adoita ser a resposta máis frecuente á situación que comenta Ferrer no punto anterior. Porén, hai que ter en conta que o xefe é xefe porque domina as ferramentas que guían o traballo, as vellas formas de executar o labor que se nos encomenda. Daquela, no momento en que estas cambien, o xefe terá que aprender de novo e estará na mesma situación que os seus subordinados. Ese é un dos principais razoamentos que se fan para evitar os cambios: poñen en risco o seu status.

Que acontece cando decides ser emprendedor? Existe unha característica que é común a todos e a todas: a ilusión. Con todo, esas forza e esas ganas por emprender un proxecto son necesarias para salvar os obstáculos que se van ir presentando ata chegar á meta final. Nese percorrido hai que chegar ao cen por cen das nosas capacidades e dar o máximo posible.

Que vai suceder coas nosas capacidades? Se non intentamos dar o máximo haberá unhas eivas de orixe que non permitan sacar á luz todas as nosas potencialidades e pequenos problemas agocharán virtudes que resultan esenciais para comezar o camiño do emprendedor. Se non somos persistentes ou non aprendemos a resolver conflitos de xeito rápido e eficaz estaremos castrando outras capacidades que aínda permanecen en letargo.
    
Que facer cando chega o medo? Segundo percibe o experto, o medo non existe, é só unha viaxe ao futuro chea de incertidumes que son as que nos fan dubidar das nosas posibilidades reais. A clave está en que, canto máis tempo teñamos para pensar, máis medos crearemos.

“O certo é que o medo desaparece coa acción -explica Ferrer-, no noso interior sempre temos o ‘non’ e mais o ‘si’, que discuten entre eles sobre o acaído dunha acción, no momento en que tomamos a decisión de actuar o medo xa non está presente e gañamos seguridade”. O experto sinalou que o medo desaparece coa observación, é dicir, tamén temos de xeito inherente un observador que xulga todos os movementos que facemos. A solución reside en atopar a ese observador e desmontalo, deixalo sen argumentos para que poidamos actuar conforme ao que realmente queremos facer.

Como pode chegar a influír o teu entorno? Hai que ser conscientes de que as nosas ideas non sempre van ser ben acollidas no noso referente social máis próximo. Pero non por iso se vai tirar a idea coa que partimos ilusionados.

A quen lle permitimos que nos roube o vento? En nós está decidir a quen permitimos que nos pare os pés, a quen permitimos que nos afunda cos seus comentarios. En referencia ao filme que proxecta para ilustrar este punto, Ferrer sentencia que “o importante é atopar o teu propio vento e afastarse daqueles que tentan roubalo”.

Que facer ante os consellos dos outros? O problema que se agocha tras esta pregunta é que sempre queremos agradar a todos coa nosa idea. Nembargantes, isto non é posible porque non todas as persoas teñen os mesmos gustos ou os mesmos criterios.

Quen cre en ti, apóiate? O experto anima a buscar o apoio daquelas persoas que nos motiven, que sexan quen de sacar o mellor de nós e nos permitan reflexionar sobre esa sensación que nos producen. Ás veces ignoramos o que somos capaces de facer e teñen que ser os nosos amigos, familiares ou coñecidos os que nos lembren que existen límites descoñecidos.

Cando chegan as dificultades, que facemos? Existen dúas posibilidades: erguerse do chan ou lamentarse toda a vida.

Onde está a felicidade, no destino ou na viaxe? Se non aprendemos a gozar da vida e dos camiños que imos percorrendo sempre seremos infelices porque no momento que acadas a meta xa non hai nada máis.

Como emprender un negocio? Juan Ferrer debulla o denominado “modelo VEAC”; é dicir, vender, executar, aprender e crear. Estes son os puntos esenciais que debe cumprir todo emprendedor se quere ter un bo comezo na súa andaina.

A que esperas? “O emprendedor é un guerreiro pacífico que se agocha para saltar no momento en que ve a súa oportunidade” -sentenciou Ferrer-.


Mediante os recursos visuais foise creando o fío condutor dunha conferencia na que as preguntas, directas e contundentes, captaron a atención dos asistentes e fixeron recapacitar sobre algunhas das inseguridades e dúbidas que xorden no proceso de poñer en marcha unha idea empresarial. Con todo, o labor que desenvolve Juan Ferrer como “adestrador de persoas”, tal e como el se define, trata de sacar as potencialidades ocultas e dar seguridade nos pasos que se dan en todo este camiño que supón ser un emprendedor ou emprendedora.