Imprimir

Queres ser un dos nosos? Guillem Perdrix Vidal: experto en creación de empresas, profesor da Universidade Politécnica de Cataluña e consultor homologado pola Generalitat.

O experto comezou a súa intervención dando conta dunha realidade: que a xente máis nova non crea empresas, ben porque non ten unha idea definida ou ben porque non sabe como empezar e onde buscar a información necesaria. Con este panorama, Perdrix aposta por dar forma á figura do ‘superemprendedor’, aquela persoa que é capaz de absorber toda a información que ten no seu contorno para sacarlle o máximo rendemento e inspirarse nas accións cotiás para buscar saídas profesionais á súa medida.

“É esencial coñecer o mundo no que nos movemos, o mercado e as necesidades dos consumidores cambian de xeito constante e se non sabemos adaptarnos aos cambios dificilmente atoparemos un oco no que inserir o noso servizo ou produto” -explica Perdrix-. A idea base da que partimos pode estar moi preto, mesmo nas nosas afeccións ou gustos, o segredo está en ser persistente e estar disposto a asumir riscos.


Para iniciarnos no negocio podemos optar por dúas vías:

-copiar un modelo xa existente
-crear un negocio completamente novo

No caso de que escollamos a primeira das opcións, teremos que darlle ao noso negocio unha característica novidosa ou inédita que o faga diferente da competencia. Deste xeito poderemos satisfacer a demanda que aínda non ten o seu produto ou as características diferenciadores que nós podemos ofrecer.

Para que unha idea pase a ser un feito é fundamental a capacidade de xestión. Cómpre ser organizado e clarexar cales van ser as nosas prioridades para non cometer erros nos tempos de execución ou realizar os pasos na orde axeitada. Perdrix tamén apunta a persistencia e a fixación das metas como aspectos que debemos contemplar se queremos ver o froito dos nosos esforzos.

O senso comercial en todo o proceso é imprescindible porque de nada serve ter un bo servizo ou produto se non facemos as actividades necesarias para a súa posta en venda. O experto incide na necesidade de valorar se a idea é viable, se pode chegar a ser eficiente cos instrumentos acaídos. Neste senso, o noso proxecto ten que aportar un valor diferencial no mercado, tendo en conta que este é un aspecto subxectivo posto que non todas as persoas teñen as mesmas necesidades. Partindo desta base, Perdrix incide en “buscar ese feito diferencial que os consumidores necesitan para cubrir os ocos existentes no mercado”.

As fontes de valor podemos atopalas na calidade do servizo que prestamos e nas súas características. Tamén é importante que ofrecemos os nosos produtos coa rapidez necesaria ou con prezos competitivos. Por outro lado, a flexibilidade de horarios ou as comodidades que ofrezamos para o transporte ou instalación, por exemplo, poden facer do noso labor unha marca diferenciada con respecto á competencia -tal como sinala o experto-.

Aclarar o concepto, é dicir, saber en que negocio estou traballando e cales son as miñas características de funcionamento de cara ao consumidor. A partir desta aclaración, realizamos un plan de vendas para coñecer de primeira man todo o proceso de venda do produto e os gastos que supón a súa distribución e almacenaxe. Con isto xa estariamos en disposición de elaborar un  plan de viabilidade e atopar o punto morto, a cantidade mínima que se debe vender para manter o negocio e que non haxa perdas. Nel faise unha panorámica de todas as áreas de funcionamento coa finalidade de aventurar cales son as que presentan maiores riscos e cales ofrecen maiores garantías e, polo tanto, menos problemas.


Guillem Perdrix destacou algunhas das habilidades que, ao seu xuízo, son as que debe cumprir toda persoa que queira ter o seu propio negocio:

•    Saber buscar e aproveitar as oportunidades que ofrece o mercado.
•    Avaliar os riscos reais existentes antes de dar un paso adiante.
•    Planificación e control das actividades.
•    Cumprir as metas establecidas.

Perdrix indica que coa súa explicación xa está a ofrecer unha oportunidade: “estou a explicar que un dos problemas é que a xente non crea empresas, este é un bo momento para facelo porque non hai a suficiente demanda de axudas para cubrir todas as que existen. Os emprendedores tedes agora unha gran oportunidade”.

Con todo, o experto lembra que o importante, como xa expuxeron outros profesionais ao longo da xornada, non é ter unha boa idea senón saber xestionala e dar os pasos axeitados para plasmala na realidade.