Unha carreira de obstáculos: Mofa e Befa: o trío humorístico galego fixo unha representación irónica sobre a traxectoria dun emprendedor, para animar aos mozos a que creen a súa propia empresa unha vez que rematen os estudos.
A través dunha representación teatral, Mofa e Befa amosaron, en clave de humor, os principais escollos e trámites que debe pasar toda persoa que toma a decisión de poñer en marcha o seu propio negocio. Son dúas persoas as que presentan as súas ideas pero só unha vai ser a escollida: aquela que amosa máis seguridade e que ten claro cal vai ser o seu negocio. Neste caso, a empresa que nos ocupa é unha panadería e, tras pasar un test sobre os coñecementos que o emprendedor ten sobre o mundo da panificación, comeza o proceso de preparación para afondar e sacar o máximo rendemento á produción do alimento.Finalizado xa o cursiño, e non exento de dificultades, o seguinte paso é realizar un plan de viabilidade do proxecto e buscar o financiamento para saber exactamente cales son as nosas expectativas e as posibilidades que existen de que poidamos alcanzalas.
A continuación veñen os requirimentos legais para abrir o establecemento: licenzas, permisos de obras, réxime de autónomos... Os humoristas representan esta fase como unha auténtica “carreira de obstáculos” deportivos, que se van resolvendo con esforzo e persistencia do protagonista.
Unha vez que se conseguen os cartos e ponse en marcha o negocio, chega a celebración e o malgasto dos cartos obtidos por mor dun exceso de confianza nas nosas posibilidades. Nunha liña claramente humorística, represéntase o que denominan ‘euforia post-emprendedora’ e advírtese das consecuencias nefastas que esta pode ter sobre os nosos plans de negocio.
Despois de que se abre a panadería e se estabilizan os gastos, ingresos..., cómpre explorar o mercado e informarse porque aparecen xa os competidores que poden facer sombra ao noso negocio e restarnos clientes. Unha alternativa para loitar contra a competencia é expandir o noso negocio e establecer canles de colaboración e alianzas con outras empresas do sector alimentario que poidan dar valor engadido aos nosos produtos.
No caso de que todo isto se vai cumprindo, chega o momento do éxito e con el outras complicacións non menos importantes que as que xa se foron superando. Na maior parte dos casos o éxito xera estrés, hiperactividade, adición ao traballo... e mesmo amnesia (esquecer a quen nos axudou a chegar ata o cumio e menosprezar aos que están a comezar ou aínda non acadaron o seu éxito).

