Empresarios de éxito compartirán habilidades e experiencias no Día Emprendedor que promove Economía e Industria en Lugo
Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2011.- Empresarios de éxito da provincia compartirán as súas experiencias e habilidades no Dia Emprendedor que se desenvolverá na cidade de Lugo o próximo 18 de outubro. Este grande encontro do emprendedurismo estará organizado pola Consellería de Economía e Industria a través do Igape e BIC Galicia, en colaboración co Mityc e con outras entidades que traballan para favorecer a creación de novas empresas en Galicia. O principal obxectivo desta iniciativa é divulgar experiencias empresariais relevantes na provincia e pór en relación a emprendedores e entidades que apoian ou financian o emprendemento.
A provincia de Lugo conta cunha destacada canteira de novos emprendedores e empresarios consolidados que demostran que non só é posible ser un referente no ámbito provincial, senón tamén no marco de toda Galicia e incluso no ámbito nacional. Mostra delo son as empresas lucenses que participarán na primeira edición do Día Emprendedor, que se celebrará no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo, como un servizo engadido de apoio á creación de novas empresas.
Na mesa “Emprendendo dende Lugo” estarán Raúl Ordóñez, responsable de negocio e comunicación de Bitacoras.com, que contará como esta rede se converteu co tempo no punto de encontro máis importante para os bloguers hispanos, con más de 300.000 usuarios. Jesús Zapico, Director Xeral de Innolact, falará sobre cómo esa compañía pasou de ser un proxecto a converterse na primeira empresa láctea galega especializada na fabricación de queixo crema e a primeira láctea galega cualificada como Empresa de Base Tecnolóxica. Na mesma mesa, que estará moderada por Rodolfo Ojea, coordinador da Fundación CEL, tamén estará Keina González, a nova emprendedora responsable do portal de venta online de escapadas, vacacións e experiencias de ocio SienteGalicia.com.
A sesión plenaria estará conducida polo humorista e monologuista galego Robert Bodegas quen, coa súa retranca habitual, abordará a aventura de emprender. O invitado desta sesión será David Bello, un novo emprendedor galego, fundador de IP Global, que compartirá a súa experiencia como emprendedor de éxito no mundo da tecnoloxía.
Durante a xornada tamén se tratará un dos temas que preocupa a todos aqueles que están pensando en montar un negocio: o financiamento. Neste sentido, na mesa “Financiamento de proxectos emprendedores” expertos como Jacobo Lazaré, emprendedor e business angel; Luis Gonzálo González, director comercial de Afigal, e Luis Fernández, director da rede de Bussiness Angels InnoBAN, ofrecerán información sobre cando e quen pode montar una empresa con certas garantías de éxito, que variables básicas determinan a viabililidade dunha empresa e que é o que estudan as entidades financeiras para conceder ou non a financiamento.
Na mesa “Emprender en tempos de crise” estarán Maite Cancelo, Directora de Bic Galicia e Guillermo Gonzalo Nieto, director-xerente da Federación Galega de Xóvenes Empresarios, que abordarán as diferentes liñas de axudas e servizos das que dispoñen estes organismos para apoiar as persoas que ven na crise unha oportunidade para emprender. A experiencia empresarial correrá a cargo de Manuel Lolo, xerente de Ams LAb, un laboratorio equipado de alta tecnoloxía que permite realizar avanzadas análises para sectores como o químico, agroalimentario ou o farmacéutico.
O Día Emprendedor de Galicia, que se desenvolverá tamén en Ourense, o día 20, e en Santiago, o 25 de outubro, poderá ser seguido a través das redes sociais. As novidades do encontro estanse a comunicar no seu espazo en Facebook, en Linkedin, e en Twitter. Ademais, a xornada será retransmitida a través de Twitter para todos aqueles emprendedores que non podan achegarse a Lugo.