Chévere é unha compañía de teatro con máis de 20 anos de traxectoria. Neste tempo, converteuse nun dos grupos de teatro máis populares e queridos de Galicia, sorprendendo ao público non só co seu peculiar sentido do humor, senón tamén cunha estética e un estilo propios e moi recoñecibles. Aínda que mantén un núcleo estable (Miguel de Lira, Patricia de Lorenzo, Manuel Cortés, Xron), Chévere caracterizouse por incorporar aos seus proxectos a numerosos profesionais de distintas procedencias xeográficas e creativas, convertíndose nunha auténtica canteira teatral.
Ademais do seu labor especificamente teatral, recoñecido dentro e fóra de Galicia, Chévere vén colaborando desde hai anos en distintos proxectos de divulgación científica, promoción económica (emprendedores e comercio) e turística promovidos pola Xunta de Galicia e outras entidades públicas e privadas. Baste citar as experiencias teatrais realizadas para a divulgación da nanotecnoloxía, a colaboración estable cos Museos Científicos Coruñeses, o proxecto Escapárate de promoción do comercio de proximidade a través do teatro, os traballos dirixidos a emprendedores feitos en colaboración con BIC Galicia, ou as iniciativas para sensibilización sobre temas de igualdade e xénero dirixidas a mulleres, feitas en colaboración co Servizo Galego de Igualdade.
Santiago 
