O científico catalán Joaquim Trias explicará aos emprendedores galegos como conseguir cartos Imprimir
13/05/2008
O científico catalán Joaquim Trias, que ten creado varias empresas no Silicon Valley, explicará aos emprendedores galegos como conseguir cartos para proxectos innovadores
 
A terceira edición do Día Galego do Emprendedor celébrase este xoves, 15 de maio, no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela. A iniciativa, promovida polo Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e BIC Galicia, organismos pertencentes á Consellería de Economía e Facenda, forma parte da campaña nacional “Emprendemos Juntos” do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio. Os interesados en asistir ao encontro aínda se poden inscribir a través da páxina web www.diaemprendedor.com.
 
O Silicon Valley mostrarase como exemplo na posta en marcha de proxectos innovadores
 
Un dos itinerarios que se van celebrar no marco desta xornada é o relativo ás claves para emprender. Nesta liña, abordarase como conseguir diñeiro para proxectos innovadores, para o que se contará coa presenza do catalán Joaquim Trias Puig-Sureda, doutor en Bioloxía que traballou como investigador no Instituto Pasteur en París e na actualidade centra o seu labor científico no sector da Biotecnoloxía no Silicon Valley, onde ten participado na fundación de cinco empresas biotecnolóxicas.